Nova

Mar regula a xestión dos excedentes do marisco para reforzar o papel das confrarías na xestión sostible dos bancos

Con esta regulación específica, a Consellería dá resposta a unha demanda histórica do sector

Santiago de Compostela, 10 de marzo do 2026

A Consellería do Mar publicará este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Orde pola que se regula a xestión dos excedentes procedentes do marisco obtido durante a actividade marisqueira, coñecidos como “demasías”, unha norma que dota de seguridade xurídica unha práctica habitual no sector e reforza o papel das confrarías na xestión sostible dos recursos.

Esta nova regulación xorde dunha demanda histórica do sector, xunto ao que se traballou para establecer este novo marco para que as confrarías de pescadores poidan incorporar os excedentes de marisco xerados durante a actividade extractiva como un recurso económico —sempre dentro dos límites establecidos nos plans de xestión e nas autorizacións da Administración— e destinar os ingresos obtidos á financiación das actuacións vinculadas á xestión e conservación dos bancos marisqueiros.

Entre outros aspectos, a orde define que se considera excedente e demasía no contexto da actividade marisqueira e fixa as condicións para a súa primeira venda. Para iso, será necesario que a xunta xeral da confraría correspondente aprobe a inclusión desta práctica como recurso económico da entidade e que o seu réxime de comercialización se incorpore aos plans de xestión trianuais.

A norma tamén establece un sistema de control e trazabilidade que garante que antes da primeira venda dos excedentes non se supere, en ningún caso, os topes autorizados para cada especie, zona e xornada de extracción. Ademais, obriga a que os ingresos obtidos se rexistren de forma diferenciada na contabilidade das confrarías e se destinen preferentemente a sufragar custos asociados á actividade marisqueira, como a vixilancia dos bancos, a compra de semente, os labores de selección e clasificación do marisco ou os traballos realizados nos puntos de control.

Deste xeito, a nova orde permite aproveitar un recurso que ata agora non tiña unha regulación específica, converténdose nun instrumento que contribúe a fortalecer economicamente ás confrarías e a mellorar a xestión sostible dos bancos marisqueiros, ao tempo que reforza o modelo de cogobernanza que caracteriza a xestión do marisqueo en Galicia.