Nova
Villaverde traslada ao sector que xa se realizaron máis do 90 % das mostraxes nos bancos marisqueiros para avaliar a situación tras os temporais
A conselleira do Mar detallou que os traballos xa finalizaron nas rías de Vigo, Pontevedra, Muros-Noia, Corcubión, A Coruña e Ferrol, así como na Costa da Morte
Na ría de Arousa, onde se está a realizar o maior número de mostraxes, o grao de execución sitúase no 82 % e prevese completar os últimos traballos en canto o permitan as mareas
Santiago de Compostela, 10 de marzo do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo hoxe unha reunión con representantes da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e coas Federacións provinciais para analizar a situación do marisqueo tras os temporais dos últimos meses e informar do grao de execución da campaña extraordinaria de análises do estado do recurso nos bancos marisqueiros das rías galegas das que xa foron realizadas máis do 90 % das mostraxes programadas.
No encontro, no que tamén participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, a responsable autonómica explicou que os traballos xa finalizaron nas rías de Vigo, Pontevedra, Muros-Noia, Corcubión, A Coruña e Ferrol, así como na Costa da Morte. Pola súa banda, na ría de Arousa —onde se concentrou o maior número de mostraxes— o grao de execución sitúase arredor do 82 % e a previsión é completar as últimas análises nos vindeiros días, en canto o permitan as condicións das mareas.
Marta Villaverde puxo en valor a capacidade de traballo e profesionalidade dos biólogos de zona da Consellería do Mar e das asistencias técnicas das confrarías implicados na realización destas mostraxes. Un labor conxunto que está a permitir a recollida de todos os datos necesarios para poder elaborar unha avaliación científica completa da situación de cada zona produtiva.
A información recompilada xa está sendo analizada polos equipos técnicos, que continúan recibindo e procesando a información sobre o estado dos bancos remitida polas asistencias técnicas das confrarías, e nos vindeiros días coñeceranse os primeiros resultados.
Por outra banda, a reunión serviu tamén para recoller as impresións e información que poden achegar as propias confrarías sobre a evolución dos bancos e a situación dos profesionais. Neste contexto, a Xunta reiterou o seu compromiso de continuar traballando da man do sector no deseño das medidas que van permitir apoiar aos profesionais e garantir a sustentabilidade do marisqueo galego mentres se recuperan os recursos.