Nova

Villaverde anuncia a posta en funcionamento en abril do minicriadeiro de semente de bivalvos do Vicedo para reforzar a capacidade de produción en Galicia

1 de 2
2 de 2

A conselleira do Mar sinala que esta acción está enmarcada no proxecto Partbiv, que implica ás mariscadoras na produción de cría e na recuperación dos bancos marisqueiros

O Goberno galego destina a esta iniciativa, liderada polo CiMA , máis de 700.000 euros e conta coa participación do IGAFA e da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, anunciou hoxe no Parlamento de Galicia a posta en funcionamento no vindeiro mes de abril do minicriadeiro  de semente de moluscos bivalvos no Vicedo, que estará dirixido polo equipo profesional do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Ribadeo e permitirá incrementar a capacidade de produción de semente en Galicia.

A responsable autonómica fixo estas manifestacións durante a resposta a unha pregunta parlamentaria relativa ao proxecto Partbiv, unha iniciativa que impulsa a participación directa do sector marisqueiro nos procesos de reprodución e cría de moluscos bivalvos, no que está enmarcada esta acción. Unha liña de traballo que amosa a importancia da investigación e da innovación para reforzar a sustentabilidade e a recuperación dos recursos marisqueiros,.

A titular de Mar explicou que este proxecto se desenvolve no marco de Redemar, a rede creada pola Xunta para conectar o sector pesqueiro e os organismos científicos de Galicia, e está liderado polo CIMA xunto co Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA), en colaboración coa Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo. O obxectivo é implicar ao colectivo mariscador en todo o proceso de produción de semente de bivalvos, desde a reprodución e cría ata a súa posterior sementeira nos bancos naturais.

Villaverde subliñou que esta iniciativa conta cun orzamento superior aos 700.000 euros, cofinanciado nun 70% polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), e permitirá avanzar tanto en resultados produtivos —como a mellora dos criterios para seleccionar semente con maior potencial de crecemento— como en resultados sociais, favorecendo unha maior implicación das persoas mariscadoras no seguimento e coidado dos bancos.

Máis de 2 millóns de semente

A responsable autonómica resaltou o traballo desenvolvido polos centros dependentes da Consellería do Mar, como o CIMA e o IGAFA, que entregaron en 2025 máis de 2,1 millóns de unidades de semente ás confrarías, das cales máis de 1,9 millóns corresponderon a ameixa fina, babosa e xaponesa. Unha cifra que, segundo indicou, se prevé incrementar nos próximos anos grazas ao desenvolvemento do proxecto Partbiv.

Neste contexto, Villaverde incidiu en que a cooperación entre administración, sector produtivo e comunidade científica é clave para avanzar na recuperación e xestión sostible dos recursos mariños e reiterou o compromiso da Xunta de seguir impulsando a investigación e a transferencia de coñecemento como ferramentas fundamentais para garantir o futuro do mar e do sector marítimo-pesqueiro galego.

Estatuto das mulleres do mar

A conselleira do Mar tamén respondeu a unha pregunta relativa á tramitación do Estatuto das mulleres do sector marítimo-pesqueiro de Galicia, unha norma destinada a reforzar o recoñecemento profesional e a igualdade de oportunidades das mulleres no ámbito marítimo-pesqueiro.

A responsable autonómica explicou que o texto está a seguir todos os trámites previstos para a súa aprobación, incluíndo a consulta pública previa, a fase de información pública e o proceso de audiencia ás entidades representativas do sector, co obxectivo de garantir unha elaboración participada e transparente da norma.

Neste sentido, subliñou que o estatuto pretende recoñecer os dereitos das mulleres do mar, combater a discriminación e fortalecer o seu papel profesional nun sector no que máis de 4.000 mulleres desenvolven a súa actividade na pesca, acuicultura e marisqueo en Galicia. 

Imaxes relacionadas