Nova

Villaverde reitera a importancia da Estratexia da Economía Azul de Galicia que mobiliza máis de 114 M€ ata 2027

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Puxo en valor a importancia de compatibilizar a protección dos ecosistemas mariños coa competitividade do sector

Defende que as políticas europeas deben recoñecer o esforzo de rexións que, como Galicia, apostan por unha pesca responsable

Vigo, 12 de marzo do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, clausurou hoxe a xornada Sostibillidade na Economía Azul, organizada por Spainsif en colaboración coa Universidade de Vigo, onde destacou o papel estratéxico do mar para Galicia e a aposta da Xunta por consolidar un modelo de desenvolvemento marítimo sostible, innovador e competitivo, a través da Estratexia galega da Economía Azul, que ten previsto mobilizar máis de 114 millóns de euros ata 2027.

Durante a súa intervención, a conselleira puxo en valor que a comunidade é unha das principais rexións marítimas de Europa e lidera sectores clave como a pesca, o marisqueo, a acuicultura e a transformación de produtos do mar. Un conxunto de actividades que, dixo, “sosteñen miles de empregos e que contribúen de maneira decisiva á cohesión social e territorial das zonas costeiras”.

Neste contexto, lembrou que o Goberno galego está a desenvolver a Estratexia de Economía Azul de Galicia 2024-2027, unha folla de ruta que mobiliza máis de 114 millóns de euros para a posta en marcha de 40 medidas destinadas a reforzar o potencial do océano como motor de crecemento, innovación e emprego. “O obxectivo é avanzar nun modelo que combine a sustentabilidade ambiental coa competitividade do sector marítimo-pesqueiro e garanta a conservación dos recursos mariños para as futuras xeracións”, subliñou.

Políticas europeas acordes a Galicia

A responsable autonómica salientou que o sector galego leva décadas demostrando o seu compromiso coa xestión responsable dos recursos, a través de ferramentas como o sistema de cotas, os plans de xestión ou o traballo desenvolvido polas confrarías de pescadores e as organizacións de produtores. Por iso, defendeu que as políticas europeas deben recoñecer o esforzo das rexións que apostaron por unha pesca responsable.

Nesta liña, subliñou que a Política Pesqueira Común debe seguir sendo un instrumento fundamental para a conservación dos recursos, pero tamén debe ter en conta a realidade social e económica das rexións marítimas. “As decisións que se adoptan en Europa teñen un impacto directo en miles de familias que viven do mar, polo que é imprescindible que se tomen desde o diálogo co sector e cos territorios”, afirmou.

A este respecto, afondou na necesidade de que Galicia “teña voz propia nos debates europeos sobre o futuro do mar”, polo que unha PPC ambiciosa debe ir acompañada dun Marco Financeiro Plurianual “suficiente, estable e adaptado á realidade das rexións marítimas”, concluíu.

Imaxes relacionadas