Nova
Mar reforza a alianza cos produtores de cría de bivalvos co obxectivo de poder subministrar semente para recuperar os bancos marisqueiros
A conselleira do Mar avogou por reforzar a coordinación entre a Administración e as empresas produtoras para adaptar a produción de cría á demanda que poida xurdir para rexenerar os bancos
Puxo en valor que o Goberno galego financia a adquisición de semente para as confrarías e entregou, a través dos seus centros públicos de investigación, máis de 2,1 millóns de unidades de cría de bivalvos en 2025
Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo un encontro con representantes das empresas A Ostreira e Proameixa, principais produtoras e comercializadoras de cría de bivalvos en Galicia, co obxectivo de coordinar e colaborar na procura de fórmulas que permitan subministrar semente para atender a demanda das confrarías para recuperar os bancos afectados polos temporais.
Na xuntanza, na que tamén participaron o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, Villaverde puxo en valor o esforzo da Xunta no impulso da produción de semente a través dos seus centros públicos de investigación. No 2025 foron entregadas ao sector máis de 2,1 millóns de unidades de cría de bivalvos, producidas principalmente nos centros dependentes da Administración autonómica para sementeiras.
Esta capacidade produtiva é complementada coa colaboración das empresas especializadas do sector acuícola, que xogan un papel fundamental para garantir a dispoñibilidade da semente necesaria. A conselleira do Mar avogou por reforzar a coordinación entre a Administración e as empresas produtoras para adaptar a produción de cría á demanda que previsiblemente trasladará o sector marisqueiro nas actuacións de recuperación dos bancos.
Nesta liña, a Xunta está a impulsar iniciativas destinadas a reforzar a capacidade de produción de cría en Galicia, como o proxecto Partbiv, que promove a participación da comunidade mariscadora nos procesos de reprodución e cría de moluscos bivalvos, ou a próxima posta en marcha, no mes de abril, dun minicriadoiro de semente no Vicedo, co obxectivo de incrementar a dispoñibilidade de cría.