Nova

Mar aborda coa confraría de Ribeira os principais retos do sector pesqueiro local

A lonxa ribeirense, unha das máis relevantes de Europa na pesca de baixura, comercializou en 2025 máis de 17,6 millóns de quilos de produto por valor de 43,5 millóns de euros

Ribeira (A Coruña), 13 de marzo do 2026

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, mantivo hoxe un encontro con representantes da Confraría de Pescadores de Ribeira nas instalacións do pósito co obxectivo de analizar a situación actual do sector e abordar os principais retos que afronta a actividade pesqueira na zona.

Durante a reunión, ambas partes intercambiaron impresións sobre a evolución da actividade extractiva e o funcionamento dunha das lonxas máis importantes de España e unha das máis relevantes de Europa no ámbito da pesca de baixura. A lonxa de Ribeira recibe descargas de arredor de 400 embarcacións e conta con 250 compradores acreditados entre almacenistas, retallistas e casas directoras de poxa, xerando ademais actividade para preto de 1.200 persoas entre emprego directo e indirecto.

Os datos de primeira venda reflicten a relevancia desta infraestrutura para o sector pesqueiro galego. No ano 2025 comercializáronse 17,6 millóns de quilos de peixe e marisco por un valor superior aos 43,5 millóns de euros, situándose como a quinta lonxa galega en facturación. Entre as principais especies comercializadas destacan o lirio, a sardiña, o polbo, a pescada ou o xurelo, ademais de mariscos como a navalla, a centola ou a nécora.

Isaac Rosón trasladou a disposición da Administración autonómica a continuar colaborando co sector para fortalecer a actividade pesqueira, garantir a súa sustentabilidade e impulsar a competitividade dun ámbito estratéxico para a economía e o emprego na ría de Arousa e no conxunto do litoral galego.