Nova
O Intecmar consolídase como centro de referencia para garantir a seguridade alimentaria con máis de 8.000 mostras anuais
A directora deste instituto, Covadonga Salgado, participou no ciclo de conferencias Os Luns do Ateneo
Santiago de Compostela, 16 de marzo do 2026
A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Covadonga Salgado, participou ese luns no ciclo de conferencias Os Luns do Ateneo, onde impartiu unha charla centrada na importancia da seguridade e da salubridade dos produtos do mar, e destacou que este centro realiza máis de 8.000 mostras anuais.
Neste senso, destacou o papel fundamental dos sistemas de control e vixilancia que se realizan a diario desde o centro que dirixe para garantir a calidade e a confianza nos produtos mariños de Galicia, poñendo así en valor o traballo que desenvolve o Intecmar no seguimento das condicións do medio mariño e no control sanitario das zonas de produción, un labor esencial para asegurar que os mariscos que chegan ao mercado cumpren cos máis altos estándares de seguridade alimentaria.
Para iso, realízanse un promedio de entre 8.000 e 10.000 mostras anuais, que son recollidas tanto polo equipo de mostraxe do propio Intecmar, como dos biólogos da Consellería ou polas asistencias técnicas das confrarías. Ademais, este instituto emite máis de 6.000 informes ao ano co fin de posibilitar o funcionamento dos plans de xestión marisqueira, e unhas 20.000 notificacións de cambios nas zonas de produción de moluscos bivalvos a todos os axentes implicados atendendo á situación microbiolóxica e de biotoxinas, maioritariamente.
Salgado explicou os principais programas de control que realiza o organismo, entre eles o seguimento de biotoxinas mariñas, contaminantes e outros parámetros que poden influír na calidade dos produtos do mar. Estas análises permiten tomar decisións baseadas en criterios científicos e garantir a protección da saúde dos consumidores.
A directora tamén destacou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica, o sector marítimo-pesqueiro, a comunidade científica e os diferentes axentes da cadea mar-industria para manter un sistema de vixilancia eficaz e recoñecido a nivel europeo. Neste caso, subliñou a colaboración que se presta ao sector marisqueiro e que en Galicia conta con 2.967 pérmex a pé (o 90 % mulleres) e 3.307 a flote con 2.332 embarcacións autorizadas.
Na súa intervención tamén fixo referencia á excelencia e ao prestixio dos produtos do mar de Galicia, pois están estreitamente ligados ao rigor dos sistemas de control e á aposta pola sustentabilidade das rías galegas. Neste caso, citou os controis realizados na miticultura. E é que o mexillón é a especie estrela das rías galegas, nas que se sitúan 3.337 bateas cunha produción nos últimos anos que superou as 178.000 toneladas, o que supuxo un volume de negocio superior aos 128,5 millóns de euros.
Na actualidade, e no marco do seu labor investigador, este instituto conta con dez proxectos en vigor.