Nova
Villaverde asina coa FIAB o convenio para impulsar a promoción e competitividade dos produtos da cadea mar-industria
A colaboración coa Federación Española de Industrias de Alimentación e Bebidas permitirá desenvolver accións de internacionalización dos produtos pesqueiros no 2026
O acordo enmárcase na estratexia da Xunta de reforzar o posicionamento de Galicia como referente europeo na transformación e a comercialización
Santiago de Compostela, 17 de marzo do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou este martes o convenio de colaboración coa Federación Española de Industrias de Alimentación e Bebidas (FIAB) co obxectivo de seguir impulsando, neste 2026, accións de promoción, innovación e internacionalización dos produtos da cadea mar-industria galega, que representan unha boa mostra do que é a Galicia Calidade do mar.
Este acordo enmárcase na estratexia da Xunta de apoiar ao tecido empresarial vinculado á actividade marítimo-pesqueira, un sector clave para a economía galega polo seu peso en termos de emprego e capacidade exportadora.
A través desta colaboración desenvolveranse distintas iniciativas destinadas a reforzar a visibilidade e o posicionamento dos produtos do mar elaborados en Galicia tanto no mercado nacional como internacional. Tal é así que a renovación do convenio facilitará que 8 empresas galegas participen nas feiras SIAL Canadá, que se celebrará do 29 de abril ao 1 de maio, e outras 13 na PLMA Ámsterdam, que terá lugar os días 19 e 20 de maio, así como outras accións de divulgación orientadas a poñer en valor a calidade, sustentabilidade e trazabilidade dos produtos pesqueiros e acuícolas.
Durante o acto de sinatura, a conselleira destacou a importancia de seguir fortalecendo a cooperación co tecido industrial e coas entidades representativas do sector alimentario para “incrementar o valor engadido das producións e ampliar as oportunidades comerciais das nosas empresas”.
Nesta liña, subliñou que “Galicia conta cunha das industrias transformadoras de produtos do mar máis relevantes de Europa, cunha potente capacidade de innovación e unha ampla presenza nos mercados internacionais”.