Nova
Mar e as Federacións de Confrarías acordan o baremo para a obtención do permiso de explotación do marisqueo a pé
O acordo, que supón unha actualización do existente, garante un procedemento transparente, obxectivo e baseado en criterios profesionais, sociais e formativos
Na reunión participaron a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, as directoras territoriais de Mar da Coruña e Vigo e os representantes das federacións provinciais e galega
O sector marisqueiro en Galicia conta con 2.967 pérmex a pé, o 90 % mulleres
Santiago de Compostela, 16 de marzo do 2026
A Consellería do Mar acordou coas tres Federacións Provinciais de Confrarías de Pescadores e coa Federación Galega, o baremo que rexerá a valoración das solicitudes para obter o permiso de explotación na modalidade de marisqueo a pé, co obxectivo de garantir un procedemento transparente, obxectivo e baseado en criterios profesionais, sociais e formativos.
Este baremo, que é unha actualización do existente, establece os criterios de puntuación que se aplicarán ás persoas aspirantes para exercer a actividade de marisqueo a pé de recursos xerais. O sistema pretende así ordenar as solicitudes en función dunha serie de méritos que reflicten a situación laboral e a aptitude das persoas candidatas.
Con esta medida, a Consellería do Mar dá resposta a unha demanda reiterada das confrarías, encadrándose na estreita colaboración que o Goberno galego mantén con estes entes. Deste xeito, esta iniciativa está deseñada para facilitar o acceso á actividade marisqueira a persoas con formación e en situación de desemprego, contribuíndo á remuda xeracional no sector e á xestión sustentable dos recursos mariños. Na actualidade, Galicia conta con 2.967 pérmex a pé (o 90 % mulleres).
O baremo, ao detalle
O acordo, acadado por consenso, e producido no marco dunha reunión na que por parte do departamento autonómico participaron a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, e as directoras territoriais de Mar da Coruña e Vigo, María Cancelo e Elena Suárez, respectivamente, habilita para desenvolver a actividade extractiva nas zonas de libre marisqueo e nas áreas sometidas a autorización, de acordo coa normativa vixente. Neste senso, inclúe como criterios de obtención, en primeiro lugar, a situación como demandante de emprego. Esta condición acadarase por estar como solicitante ou como demandante de mellora debidamente acreditado durante un período mínimo de 6 meses inmediatamente anterior á convocatoria.
En segundo lugar, a formación e cualificación. Neste caso, computarán as actividades formativas e habilidades profesionais realizadas polas persoas interesadas, así como a titulación académica que posúan.
As distintas iniciativas formativas serán puntuables de acordo coa súa temática: xestión sustentable dos recursos mariños; ecosistemas mariños e economía azul; marisqueo e acuicultura; organización do sector e asociacionismo; lexislación pesqueira, marisqueira e acuícola; cooperativismo, emprendemento, xestión empresarial e turismo mariñeiro; comercialización, manipulación de produtos pesqueiros, seguridade alimentaria e prevención de risco; liderado, traballo en equipo, habilidades sociais, de dirección, negociación, resolución de conflitos e responsabilidade social; e informática.
No apartado de habilidades profesionais valoraranse as vinculadas co sector marisqueiro. Puntuará tamén estar empadroado nun concello do ámbito das confrarías ou entidades titulares do plan de xestión no que estea prevista a incorporación ou nun municipio limítrofe por liña de costa.