Nova

A Xunta renovará o pavimento do pantalán pesqueiro de Muxía para reforzar a resistencia ante condicións adversas

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Marta Villaverde presentou as obras que Portos de Galicia ten en licitación dentro dun contrato global por importe de 640.000 euros para unha decena de peiraos

Muxía (A Coruña), 17 de marzo de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presentou esta mañá no porto de Muxía (A Coruña) o proxecto de renovación integral dos pavimentos de madeira no pantalán destinado aos profesionais da pesca, co obxectivo de reforzar a resistencia ante condicións adversas. Trátase dunha actuación enmarcada nun contrato global para unha decena de portos autonómicos que se atopa a día de hoxe en licitación por importe de 640.000 euros.

Villaverde, que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, explicou en Muxía o alcance desta actuación que beneficiará ao porto muxián  así como aos de Lorbé (Oleiros), Muros, A Barquiña (Outes) Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Carril (Vilagarcía), Vilanova de Arousa, O Grove e Baiona. A conselleira trasladou que as obras previstas consisten no desmonte do pavimento de madeira de pasarelas, pantaláns, e fingers deteriorados, formado por táboas e dormentes de madeira e a posterior substitución por novo pavimento tecnolóxico de maior durabilidade e resistencia ante condicións climatolóxicas adversas. O prazo de execución previsto para os traballos é de sete meses.

En concreto, no porto de Muxía actuarase sobre o conxunto das instalacións destinadas á terceira lista, cun investimento de 20.000 euros. O ámbito da actuación abrangue tanto o tramo inicial de pasarela como o propio pantalán e 14 fingers. En todo momento facilitarase o acceso dos usuarios ás súas embarcacións, adoptando as medidas precisas.

Con esta actuación, Portos de Galicia mellorará o tránsito nestas instalacións flotantes minimizando os riscos de esvarar ou accidente. Ademais quedarán repostas as táboas en mal estado debido ao deterioro do material polas condicións climatolóxicas severas que soportan e a acción do mar.

Imaxes relacionadas