Nova

Gardacostas de Galicia participa nun dispositivo conxunto para reforzar a coordinación e a capacidade operativa no mar

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

A actuación enmárcase na colaboración entre administracións para mellorar a resposta ante situacións complexas no ámbito marítimo

Santiago de Compostela, 17 de marzo do 2026

O Servizo de Gardacostas de Galicia participou durante a pasada semana nun operativo conxunto desenvolvido na ría de Arousa co obxectivo de reforzar a coordinación e a capacidade de resposta ante posibles incidencias no mar.

No dispositivo participaron efectivos dos servizos centrais de Gardacostas de Galicia e das unidades operativas de Ribeira e Vilaxoán, empregando distintos medios marítimos como a patrulleira Punta Roncadoira, a patrulleira costeira Mar de Galicia e o buque multipropósito Irmáns García Nodal, ademais de embarcacións auxiliares de rescate rápido. O operativo estivo dirixido polo subdirector xeral de Gardacostas de Galicia, Juan Carlos Codesido Vilar.

Pola súa banda, tamén participaron unidades da Armada, concretamente a Unidade de Buceo de Ferrol (UBUFER), dependente do Mando de Acción Marítima de Ferrol, e o Centro de Buceo da Armada, con base en Cartagena, reforzando así a coordinación entre organismos no ámbito marítimo.

Este tipo de actuacións permiten poñer en práctica protocolos de intervención, mellorar os procedementos operativos e avanzar na interoperabilidade dos distintos medios humanos e técnicos. A colaboración entre administracións resulta fundamental para garantir unha resposta eficaz ante situacións que requiren unha actuación coordinada e inmediata.

A Xunta de Galicia destaca a importancia de seguir impulsando estes adestramentos conxuntos como ferramenta clave para fortalecer a preparación dos equipos e consolidar un modelo de xestión baseado na coordinación, a eficiencia e a seguridade no medio mariño.

Imaxes relacionadas