Nova

Portos de Galicia habilita procedementos específicos para a presentación de recursos e alegacións

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2026

Portos de Galicia, ente público adscrito á Consellería do Mar, pon a disposición procedementos específicos na sede electrónica da Xunta de Galicia para a presentación de recursos e alegacións ante o propio ente público. Deste xeito facilítase aos usuarios dos portos a relación coa administración axilizando os trámites ante ela.

O Diario Oficial de Galicia publicará mañá a aprobación dos procedementos IF508A, IF508B e IF508C e no día seguinte quedarán habilitados na sede electrónica da Xunta para a súa presentación telemática. O procedemento A será o que deba empregarse para os recursos en materia de liquidación tributaria portuaria; o B, para recursos en materia portuaria non relacionados con liquidacións tributarias; e o C, para alegacións en procesos de información pública.

Os tres procedementos teñen o obxectivo dobre de facilitar ó usuario a presentación da reclamación ou alegación  e contar cun modelo especifico de presentación que require unicamente os datos necesarios e identifica a documentación a presentar. Esta novidade permitirá unha xestión mais eficiente dos expedientes portuarios e maior axilidade no procedemento.