Nova
A conselleira do Mar presenta ás autoridades portuarias de Vigo, Marín e Vilagarcía o proxecto de dragaxe do Lérez
Marta Villaverde presidiu a reunión de coordinación dos presidentes dos portos de Vigo, Vilagarcía e Marín e o de Portos de Galicia na que afondaron na decisión do MITECO de validar os puntos B, E8 e D para todas as dragaxes do litoral pontevedrés
Pontevedra, 18 de marzo de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presentou esta mañá aos presidentes das autoridades portuarias da provincia de Pontevedra o proxecto de dragaxe do río Lérez no acceso ao porto de Pontevedra, a obra de dragaxe de maior envergadura do sistema portuario autonómico, que se atopa actualmente en tramitación ambiental.
Villaverde presidiu a reunión de coordinación dos presidentes dos portos de Vigo, Marín e Vilagarcía e o presidente de Portos de Galicia, na que afondaron, ademais, na decisión do Ministerio de Transición Ecolóxica de validar os puntos B, E8 e D para todas as dragaxes do litoral pontevedrés, tanto as impulsadas por Portos de Galicia como as das Autoridades Portuarias dependentes de Puertos del Estado.
No encontro, Villaverde e os presidentes dos portos galegos subliñaron o carácter técnico e científico da comisión liderada polo CEDEX e na que participaron tamén técnicos das Autoridades Portuarias de Vigo, Marín e Vilagarcía, Puertos del Estado e Portos de Galicia para elaborar o estudio de alternativas de puntos de vertido para o litoral sur da comunidade. Os representantes das administracións portuarias reseñaron a importancia de respectar os puntos de depósito de áridos que o Ministerio estableza para desbloquear as obras de dragaxe portuarias de ambas administracións que están pendentes.
Compromiso coa riqueza da ría de Arousa
Así mesmo, durante a reunión destacouse que o informe do CEDEX recolle tamén que os vertidos realizados polas Autoridades Portuarias do Estado e por Portos de Galicia durante dúas décadas no punto E8 exterior de Sálvora “non tiveron afectación” sobre a contorna ambiental e que a dinámica das correntes mariñas non desprazaron o material depositado cara ao interior da ría de Arousa.
Neste sentido, Xunta e Autoridades Portuarias fixeron fincapé no seu compromiso coa preservación da riqueza produtiva e ambiental das rías que, coincidiron, queda garantida polos criterios técnicos sobre os puntos de vertido e as medidas ambientais contempladas no proxecto no caso concreto da dragaxe do Lérez. Sobre esta última, Villaverde insistiu no compromiso da Xunta para executar esta obra orzamentada en 12 millóns de euros para rexenerar os bancos marisqueiros da ría de Pontevedra e recuperar o calado nas instalacións portuarias.