Nova
A Xunta defende unha formación flexible e adaptada ao tecido produtivo para promover a remuda xeracional en sectores como o marítimo-pesqueiro
José González destacou o decreto pioneiro de microcredenciais para o emprego, que se implantará, de xeito progresivo, nos vindeiros meses, e os apoios de formación para o emprego dos que se pode beneficiar a familia marítimo-pesqueira
Puxo de relevo o compromiso autonómico co colectivo de autónomos con apoios de máis de 42 M€ para a súa actividade e a aposta polo comercio de proximidade e os oficios artesanais reflectida no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030
Marta Villaverde subliñou que a Xunta destina este ano 12,4 millóns de euros ao programa de ensinanzas pesqueiras, un 9,5 % máis que no exercicio anterior
Tamén resaltou como novidade o impulso, por primeira vez, dunha liña de axudas dotada con 350.000 euros para apoiar aos armadores que colaboren na formación práctica dos estudiantes a bordo dos seus buques
A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 18 de marzo de 2026
A Xunta considera clave ofrecer unha formación flexible e adaptada á realidade do tecido produtivo para promover a remuda xeracional en sectores como o marítimo-pesqueiro. Así o manifestaron o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e a conselleira do Mar, Marta Villaverde, nunha xuntanza mantida hoxe con representantes da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Autónomos da Pobra do Caramiñal, na que ademais, salientaron a formación especializada que se imparte nas escolas marítimo-pesqueiras dependentes da Xunta.
Nesta reunión tamén estiveron o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández; a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo. Ambos conselleiros trasladaron as principais iniciativas dos seus departamentos a prol do emprego de calidade e para afrontar retos como a remuda xeracional ou a cobertura de vacantes.
José González destacou o decreto pioneiro de microcredenciais para o emprego, que se implantará de xeito progresivo ao longo dos vindeiros meses. Este marco permitirá que empresas, clústeres, asociacións e colexios profesionais poidan deseñar, impartir, avaliar e mesmo emitir microcredenciais adaptadas ás súas necesidades específicas, sempre baixo a regulación e supervisión da Xunta.
Neste contexto mencionou distintos apoios á formación para o emprego dos que se pode beneficiar a familia marítimo-pesqueira. Entre eles, as ordes redeseñadas con prazo de solicitude aberto como a de accións formativas para persoas desempregadas AFD, da que esta semana se publicará a ampliación de crédito de 20 M€, acadando un importe global de investimento de 60 M€, ou ao programa Galicia Suma Talento: formación persoas ocupadas (10,6 M€). A elas súmanse o programa Galicia Suma Talento: Plan de Formación Empresas, dotado con 8,5 M€, ou as axudas destinadas á formación para persoas ocupadas, cun orzamento de 4 M€ e tamén con prazo de solicitudes aberto.
Apoio ao tecido autónomo e aos oficios tradicionais
En canto ás persoas traballadoras autónomas, González puxo de relevo o compromiso autonómico a este colectivo con apoios de máis de 42 M€, dos que preto de 41 son da orde unificada, aberta ata o 30 de setembro e estruturada para cubrir todas as fases do emprendemento. Tamén se referiu ao papel da Rede de polos de emprendemento, que na provincia da Coruña conta con tres polos —Ferrol, Melide e Coristanco— nos que se levan atendido uns 1,800 proxectos. Esta ferramenta é o núcleo da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, actualmente en fase de consultas.
Neste ámbito, salientou o comercio como motor de dinamización das vilas como A Pobra do Caramiñal e os apoios autonómicos a este sector enmarcados no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 para afrontar retos como a dixitalización ou a remuda xeracional. Esta folla de ruta tamén abarca o apoio aos oficios tradicionais, eido no que este ano a Xunta potenciará a formación cunhas bolsas para aprendices que permitirán a transmisión do saber artesán ás novas xeracións, dotadas con 1 M€ e das que se poderán beneficiar oficios como o da carpintería de ribeira.
Aposta pola formación
Pola súa banda, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, subliñou que a Xunta destina este ano preto de 12,4 millóns de euros ao programa de ensinanzas pesqueiras, o que supón un incremento do 9,5 % respecto ao exercicio anterior. Este orzamento permite consolidar unha rede autonómica de grandes centros de vangarda formado por tres escolas náutico-pesqueiras situadas estratexicamente en Vigo, Ribeira, Ferrol, ao que hai que sumarlle o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), na Illa de Arousa.
Para facilitar o acceso á formación, Villaverde lembrou a tramitación da nova orde que simplifica os trámites para a obtención das titulacións que serven de porta de entrada ao mar. Ademais, destacou como novidade o impulso, por primeira vez, dunha liña de axudas dotada con 350.000 euros para apoiar a formación práctica dos estudantes a bordo dos buques. Estes fondos, cofinanciados polo Fempa, están dirixidos a compensar os gastos dos armadores que colaboren acollendo aos estudantes dos ciclos formativos náutico-pesqueiros, facilitándolles así ese primeiro e transcendental contacto co mar.
Por último, a conselleira referiuse ao papel fundamental que xogan as confrarías e organizacións de produtores, para as que se destinan este ano 800.000 euros en axudas específicas de formación. Como principal vantaxe, destacou que estas achegas se convocan agora en réxime de concorrencia non competitiva, con prazo aberto durante todo o ano, co que se procura axilizar a resolución e garantir un acceso rápido aos fondos. Na mesma liña de asegurar o futuro e a remuda do sector, Marta Villaverde fixo fincapé no respaldo ao emprendemento marítimo a través da convocatoria de apoios para aqueles tripulantes que desexen adquirir o seu primeiro barco pesqueiro.