Nova

A Xunta formaliza o acordo de financiamento para a construción da primeira planta de cría de salmón que se levantará en Galicia

1 de 2
2 de 2

A iniciativa está promovida por Seafood Legacy e é un proxecto estratéxico para consolidar o liderado da acuicultura galega

A sinatura, na que participaron a Xunta de Galicia, a través do Igape e XesGalicia, o Instituto de Crédito Oficial (ICO), o Banco Santander e Abanca, tivo lugar esta mañá

A Xunta destaca aposta de Seafood Legacy pola industria en Galicia e a confianza depositada no Goberno galego

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2026

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) acolleu hoxe en Santiago a sinatura do acordo de financiamento de Seafood Legacy Spain S.L. para o desenvolvemento dun proxecto estratéxico de acuicultura sostible en Burela (Lugo), baseado en sistemas avanzados de recirculación de auga (RAS). A iniciativa, que o Igape apoia cun préstamo de 5 millóns de euros, impulsa a posta en marcha da primeira planta de cría de salmón da comunidade galega, que ocupará unha parcela de preto de 20.000 m² no porto burelense e que se estima que creará en torno a un cento de postos de traballo directos e indirectos.

A sinatura foi realizada coas entidades financeiras colaboradoras (Banco Santander e Abanca) e o ICO. Así, a Consellería de Economía e Industria achega 8,5 millóns de euros despois da realizada por Xesgalicia (3,5 M€). En total, a Xunta destina 33,5 millóns de euros dos que a Consellería do Mar achega 25 millóns cofinanciados co Fondo Europeo de Pesca e Acuicultura (Fempa).

A acuicultura consolídase como un dos sectores con maior potencial de futuro para Galicia, tanto polo seu arraigo na economía do mar como pola súa capacidade para integrar innovación, tecnoloxía e sustentabilidade. Neste contexto, o proxecto promovido por Seafood Legacy é unha iniciativa de relevancia para avanzar na modernización do sector e reforzar o posicionamento da Comunidade como referente internacional.

O investimento, por importe de máis de 100 millóns de euros, reflicte a decidida aposta de Seafood Legacy Spain por Galicia, aproveitando o seu coñecemento, o seu ecosistema industrial e o seu liderado no ámbito mariño. O proxecto oriéntase a desenvolver unha acuicultura moderna, eficiente e de alto valor engadido, aliñada cos retos globais de sustentabilidade e seguridade alimentaria.

A sinatura do acordo supón un fito clave para a posta en marcha da iniciativa e permitirá avanzar na construción dunha instalación que terá un impacto moi significativo na economía da comarca da Mariña lucense, coa xeración de emprego e a dinamización do tecido produtivo.

O acordo de financiamento foi posible grazas á colaboración da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, a través do Igape e XesGalicia, xunto co Instituto de Crédito Oficial (ICO) e as entidades financeiras Banco Santander e Abanca, nun exemplo de implicación conxunta das institucións públicas e privadas.

A futura instalación empregará tecnoloxía RAS, que permite optimizar o uso da auga, mellorar a bioseguridade e reducir significativamente o impacto ambiental fronte aos modelos tradicionais de acuicultura. Unha vez operativa, a planta contribuirá ao fortalecemento do sector acuícola galego, ao desenvolvemento económico rexional e á consolidación dun modelo produtivo máis innovador e sostible.

Con este proxecto, a Xunta de Galicia reforza o seu compromiso co impulso de sectores estratéxicos como a acuicultura, promovendo iniciativas que combinan innovación, sustentabilidade e xeración de emprego, e contribuíndo a consolidar Galicia como un referente europeo na economía do mar.

Imaxes relacionadas