Nova
Villaverde destaca a aposta de Algafrés e o grupo Porto-Muíños pola innovación e a diversificación dos produtos do mar
A conselleira destacou o esforzo da empresa para dar valor engadido a todos os seus produtos e dinamizar a economía local
Sada (A Coruña), 20 de marzo do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou este venres as instalacións de Algafrés –empresa vinculada ao grupo Porto-Muíños-, onde puxo en valor a súa aposta pola innovación e a diversificación dos produtos do mar, e tamén o aporte de valor engadido que ofrece a todas as súas producións.
A responsable autonómica coñeceu, de primeira man, a actividade da compañía, así como os seus procesos de produción e comercialización, destacando o compromiso da Xunta con este tipo de entidades empresariais. Nas súas instalacións puido coñecer os detalles do proxecto pioneiro de cultivo de ourizo e algas mariñas en terra, a través da súa planta experimental. Conta con 24 tanques de 2.000 litros de auga limpa de mar, nos que se cultivan aproximadamente 5.000 quilos de alga, que se crían en suspensión con aire e auga en continuo movemento, sen estar suxeitas ou enraizadas como acontecería no seu ámbito natural.
Destaca tamén o traballo que realizan na cría de ourizo, e a colaboración que lles brinda ás confrarías ou entidades titulares dos plans de xestión deste recurso sobre os coidados precisos para acadar unha mellor repoboación nas súas zonas. En palabras da titular de Mar, supón “un bo exemplo da transferencia de coñecemento e a colaboración entre os distintos chanzos da cadea, que melloran as producións e contribúen ao desenvolvemento económico das zonas costeiras”.
A conselleira resaltou o esforzo de Algafrés pola modernización, a sustentabilidade e a internacionalización, factores clave para seguir posicionando os produtos do mar de Galicia nos mercados nacionais e internacionais. Un contexto que está a ser apoiado decididamente polo Goberno galego, co fin de impulsar a competitividade dun sector estratéxico para a comunidade.