Nova
Rueda anuncia que a Xunta destina 22,7 M€ a medidas para a recuperación e rexeneración dos bancos marisqueiros afectados polos temporais
A finalidade é paliar os episodios da baixa salinidade que provocaron importantes mortaldades de moluscos nas rías galegas
Salienta que se asinarán convenios coas confrarías e entidades xestoras dos plans por importe de 19,2 M€
Ademais, haberá “1,5 M€ para repoboación de especies e outros 2 M€ para o reforzo de proxectos de restauración da biodiversidade mariña”
A conselleira do Mar salienta que o obxectivo é “dar unha resposta integral” con medidas “económicas, sociais e medio ambientais”
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello autorizou unha inxección de 22,7 millóns de euros para “medidas de recuperación e rexeneración dos bancos marisqueiros” afectados polos temporais das últimas semanas que provocaron episodios de baixa salinidade e, en consecuencia, importantes mortaldades de moluscos bivalvos nas rías galegas.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, indicou que o obxectivo da Xunta é dar “una resposta integral” con medidas “económicas, sociais e medio ambientais” a curto, medio e longo prazo. Nesta liña, fixo fincapé en que non se trata de buscar “remedios puntuais” senón traballar man a man co sector para garantir a rexeneración dos bancos afectados.
Desta cantidade, tal e como explicou, “19,2 millóns destinaranse a convenios de colaboración coas confrarías e entidades xestoras dos plans de marisqueo”, co fin de afondar na restauración dos hábitats e zonas de produción e na execución de tarefas como sementeiras, limpezas, acondicionamento do substrato ou control de depredadores.
O Consello da Xunta deu conta do informe da Consellería do Mar que recolle o detalle destas medidas, que son o resultado do Plan de actuación posto en marcha polo Goberno galego unha vez finalizado o fenómeno meteorolóxico. Os traballos que se realizaron permitiron identificar o grao de afectación dos bancos e activar medidas inmediatas para minimizar o impacto dos temporais. Na maioría dos casos pode derivar na suspensión temporal da actividade extractiva nas zonas con mortalidade severa ou moderada, co obxectivo de protexer os exemplares superviventes e favorecer a recuperación natural dos bancos.
Os convenios que se subscribirán de xeito bilateral entre a Consellería do Mar e cada unha das confrarías ou entidades titulares do plan correspondente teñen como obxectivo mellorar a produtividade dos bancos afectados de maneira moderada ou severa por eses temporais. Os convenios incluirán plans de recuperación específicos que serán elaborados polas propias confrarías ou entidades, que son as que mellor coñecen as circunstancias de cada banco marisqueiro en que traballan, e tamén figurarán as tarefas que se van realizar. Os técnicos da Consellería revisarán e validarán cada un deses plans e as confrarías deberán realizar un control efectivo das persoas participantes nas tarefas encomendadas.
A sinatura destes convenios por parte das entidades posibilitará a remuneración dos traballos que as persoas mariscadoras deben realizar de cara á recuperación e rexeneración dos bancos, ademais dos gastos en que incorran as confrarías na materialización destas tarefas. O proceso farase da man do sector e, polo tanto, a sinatura do convenio evidenciará o compromiso entre a Administración galega a as entidades sectoriais de realizar os traballos necesarios e estipulados.
Máis medidas
Ademais de asinar convenios coas confrarías máis afectadas, o informe inclúe outras medidas,” como destinar 1,5 millóns de euros para a repoboación de especies e 2 millóns para reforzar proxectos de conservación e restauración da biodiversidade mariña”, indicou o presidente.
De xeito complementario, a Consellería do Mar tamén prevé a prórroga dos plans de xestión marisqueira ata o ano 2029 e propor a modificación da normativa estatal para mellorar a protección das mariscadoras a pé. Así mesmo, o documento recolle outras accións xa iniciadas, como a solicitude de exención das cotas da Seguridade Social para profesionais afectadas pola suspensión da actividade, a posta en marcha do Plan de acción do marisqueo 2026-2031, o desenvolvemento de proxectos innovadores como MaruxIA, o impulso de sistemas de preengorda de semente e a posta en funcionamento do hatchery do Vicedo.
Tal e como resaltou a conselleira, todas as medidas están baseadas en criterios “científicos rigorosos e na colaboración co sector”, e teñen como finalidade acelerar a recuperación dos ecosistemas mariños, garantir a sustentabilidade dunha actividade clave para o litoral galego e a estabilidade socioeconómica das zonas costeiras de Galicia.