Nova

A Xunta apoia a participación de máis de medio cento de empresas na Feira Alimentaria de Barcelona

1 de 1

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na primeira xornada deste evento gastronómico onde están presentes 24 produtores amparados por selos de calidade diferenciada

O stand da Consellería do Medio Rural tamén acolle unha aula de catas e degustacións na que se desenvolverán varias actividades destinadas a promocionar estes produtos

O espazo da Consellería do Mar dá acubillo a 29 empresas do sector e destaca pola súa intensa axenda comercial e a experiencia GALICIA SABE AMAR 360º

Barcelona, 23 de marzo de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe á primeira xornada da feira Alimentaria Barcelona 2026, onde o Goberno galego apoia a participación de 53 empresas do sector agroalimentario amparado por distintivos de calidade diferenciada e tamén do eido marítimo-pesqueiro.

Concretamente, a Consellería do Medio Rural conta con tres superficies diferenciadas en dous pavillóns da feira correspondentes aos sectores Intercarn (cárnicos), Interlact (lácteos) e Lands of Spain (producións de cada territorio). As 24 empresas participantes nestes espazos representan unha mostra das producións alimentarias de calidade: produtos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida, Agricultura Ecolóxica ou Artesanía Alimentaria, con producións variadas como carnes, queixos, mel ou produtos de repostería, entre outros.

Ademais, haberá unha aula de catas e degustacións, na que se desenvolverán varias actividades destinadas a promocionar os produtos galegos con selo de calidade. Nela, realizaranse catas comentadas, obradoiros e mostras de cociña en colaboración con diferentes consellos reguladores.

Produtos marítimo-pesqueiros

Pola súa banda, a Consellería do Mar tamén conta cunha destacada presenza no certame para promocionar a excelencia dos produtos marítimo-pesqueiros e transformados da comunidade. Faino a través dun amplo posto que dá acubillo a 29 empresas coexpositoras do eido mar-industria. Este espazo institucional serve de gran escaparate e punto de encontro para poñer en valor a calidade, a sustentabilidade e a diversidade da despensa mariña galega ante os profesionais do sector.

Neste sentido, o posto autonómico deseñouse cun marcado enfoque profesional, albergando un centro de negocios e unha intensa axenda comercial destinada a facilitar os encontros entre as empresas galegas e os compradores internacionais. Ademais desta vertente de negocio, o stand convida os visitantes a mergullarse na nosa costa a través da iniciativa GALICIA SABE AMAR 360º, unha proposta integral que suma experiencias inmersivas, degustacións e showcookings en directo para demostrar a versatilidade e o extraordinario sabor dos peixes e mariscos de Galicia.

Alimentaria é unha das maiores feiras profesionais da industria de alimentos, bebidas e gastronomía a nivel internacional. Neste feira participan máis de 3.000 empresas expositoras procedentes duns 60 países e preto de 110.000 visitantes, dos cales o 25% son internacionais.

Imaxes relacionadas