Nova
Villaverde detalla ás confrarías as medidas da Xunta de 22,7 M€ para a recuperación dos bancos marisqueiros
A conselleira do Mar analizou co sector as actuacións anunciadas no Consello da Xunta que recolle destinar 19,2 M€ a convenios directos coas entidades
As medidas propostas están fundamentadas en criterios científicos rigorosos, despois da valoración técnica do impacto da baixa salinidade nas rías galegas
Ames (A Coruña), 24 de marzo do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse hoxe con representantes das confrarías de pescadores con intereses do marisqueo para explicarlles polo miúdo as medidas de recuperación e rexeneración dos bancos afectados polos temporais das últimas semanas, cuxo informe foi avaliado no Consello da Xunta de onte e que mobilizarán un total de 22,7 millóns de euros.
Na xuntanza, que tivo lugar na sede da Feferación Galega de Confrarías, a titular de Mar trasladou aos representantes do sector que, desta cantidade, 19,2 millóns destinaranse á sinatura de convenios de colaboración coas confrarías e entidades xestoras dos plans de marisqueo. A previsión é que se poidan beneficiar desta medida arredor de 25 confrarías. O fin fundamental, sinalou Villaverde, é afondar na restauración dos hábitats e zonas de produción a través da execución de tarefas como sementeiras, limpezas, acondicionamento do substrato ou control de depredadores polas propias profesionais.
A responsable autonómica, acompañada da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, explicou que estas medidas son o resultado directo do Plan de actuación posto en marcha polo Goberno galego unha vez finalizado o fenómeno meteorolóxico que provocou os acusados episodios de baixa salinidade. Os traballos de avaliación realizados sobre o terreo polos biólogos de zona das xefaturas territoriais en colaboración coas asistencias técnicas das confrarías permitiron avaliar de xeito obxectivo o grao de mortaldade de bivalvos e fixar as bases desta folla de ruta.
A través dos convenios que se asinarán proximamente, garantirase que as persoas vinculadas ás entidades que rexistraron zonas con mortalidade severa ou moderada e que teñan perdas de ingresos poidan recibir unha remuneración para compensalas por este labor de recuperación e rexeneración dos bancos. Así, as persoas mariscadoras que realicen as horas máximas de traballo, 48 horas ao mes, percibirán uns 700 euros. O proceso, garantiulles a titular de Mar, farase en todo momento da man do sector.
Outras medidas
Ademais dos convenios coas confrarías máis afectadas, as responsables da Consellería detallaron o resto das partidas económicas incluídas no plan, como os 1,5 millóns de euros destinados á repoboación de especies e os 2 millóns extra para reforzar proxectos de conservación e restauración da biodiversidade mariña.
De xeito complementario, Marta Villaverde abordou coas federacións as accións xa iniciadas no ámbito social e normativo. Neste sentido, a Consellería do Mar prevé a prórroga dos plans de xestión marisqueira ata o ano 2029 e propoñerá a modificación da normativa estatal para mellorar a protección das mariscadoras a pé.
Na mesma liña, destacouse a solicitude formal enviada ao Goberno central para reclamar a exención das cotas da Seguridade Social para as profesionais afectadas pola suspensión da actividade. Finalmente, a conselleira lembrou ferramentas estratéxicas a medio e longo prazo que xa están en marcha, como o Plan de Acción do Marisqueo 2026-2031, o desenvolvemento do proxecto innovador MaruxIA, o impulso de sistemas de preengorde de semente e a posta en funcionamento do hatchery do Vicedo.