Nova
Mar reúnese en Viveiro coa confraría e a OPP-77 Porto de Celeiro na rolda de contactos que mantén co sector co obxectivo de aumentar a competitividade
Viveiro (Lugo), 24 de marzo do 2026
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, reuniuse este martes coa OPP-77 Puerto de Celeiro e coa confraría desta localidade, un encontro que serviu para coñecer as instalacións de ambas as dúas entidades e para afondar nas medidas postas en marcha grazas ao apoio da Xunta, e que contribúen á diversificación da actividade pesqueira.
Deste xeito, desde Porto Celeiro destacaron a importancia das axudas para o cambio da modalidade dos barcos, e que permiten adaptar os buques ao uso de novas artes e modalidades de pesca.
A este respecto, a Consellería do Mar trasladou a vontade de seguir colaborando co sector para deseñar instrumentos eficaces que contribúan a un desenvolvemento sostible da pesca en Galicia reforzando, ao mesmo tempo, o papel estratéxico dos portos pesqueiros. Neste senso, Rosón citou as achegas para a mellora da seguridade e a eficiencia das embarcacións, dotadas con 6,4 millóns de euros e cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa).
Esta orde dá cobertura a actuacións como a modernización, instalación de equipamentos de seguridade e salvamento, melloras na habitabilidade e conectividade a bordo, investimentos en sistemas de propulsión máis eficientes e menos contaminantes, auditorías enerxéticas, adaptación das artes de pesca para aumentar a selectividade ou proxectos orientados á valoración das capturas.