Nova

A Xunta apoia en Alimentaria a internacionalización da cadea mar-industria de Galicia nun evento no que participan 29 empresas galegas

1 de 2
2 de 2

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, arroupou na feira en Barcelona ás entidades galegas coexpositoras e puxo en valor a calidade e sustentabilidade da despensa mariña galega

A Consellería do Mar conta cun posto de 461 metros cadrados que alberga un centro de negocios e unha intensa axenda de encontros B2B

Barcelona, 25 de marzo do 2026

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, visitou hoxe a feira internacional Alimentaria en Barcelona para mostrar o respaldo da Xunta de Galicia ás empresas da cadea mar-industria galegas, como son as 29 que participan no certame baixo o paraugas da Consellería do Mar. O obxectivo desta presenza institucional é servir de gran escaparate e punto de encontro para poñer en valor a calidade, a sustentabilidade e a enorme diversidade dos produtos marítimo-pesqueiros e transformados da comunidade ante os profesionais do sector.

Durante o seu percorrido, o responsable autonómico puido trocar impresións cos representantes das distintas empresas coexpositoras, destacando o esforzo do complexo mar-industria galego por manter a súa competitividade e o seu liderado nos mercados internacionais.

Para facilitar este labor comercial, a Consellería do Mar deseñou un amplo posto de 461 metros cadrados cun marcado enfoque profesional, albergando un centro de negocios á disposición das empresas e unha intensa axenda comercial destinada a facilitar e dinamizar os encontros B2B cos principais compradores e distribuidores internacionais presentes na feira.

Alimentaria consolídase no seu 50 aniversario como unha das maiores feiras profesionais da industria de alimentos, bebidas e gastronomía a nivel mundial, reunindo a 1.500 importadores internacionais, tendo a Polonia como país convidado. Tamén incrementa a oferta expositiva internacional nun 41% respecto á anterior edición contando con máis de 3.300 empresas expositoras procedentes duns 70 países e preto de 110.000 visitantes, dos cales un 25 % son internacionais, o que a converte nunha cita imprescindible para a internacionalización dos produtos do mar de Galicia.

Imaxes relacionadas