Nova
Villaverde destaca que as ordes de axudas convocadas en xaneiro recibiron 61 solicitudes para sementar máis de 31 millóns de unidades de bivalvos nas rías
Destacou no Parlamento que servirían para rexenerar máis de 6 millóns de metros cadrados de bancos marisqueiros coas axudas de biodiversidade e produtividade
A conselleira fixo balance do esforzo sostido na última década, sumando 17 M€ e superando os 530 proxectos aprobados para apoiar o labor das confrarías
A responsable autonómica sumou a estes apoios as medidas por importe de 22,7 M€ anunciado o luns para recuperar os bancos marisqueiros tralos temporais
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, puxo en valor hoxe no Parlamento o intenso esforzo investidor e a planificación da Xunta de Galicia para garantir a sustentabilidade dos recursos mariños e apoiar ás confrarías. En resposta a unha pregunta parlamentaria, a responsable autonómica debullou o impacto das dúas ordes de axudas publicadas o pasado 2 de xaneiro no Diario Oficial de Galicia (DOG), cuxo prazo de presentación de solicitudes pechou o 2 de febreiro cunha altísima demanda por parte do sector.
A primeira destas ordes, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (Fempa), e dotada cun crédito de 1,9 millóns de euros distribuídos en dúas anualidades, céntrase en proxectos colectivos para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños. Villaverde detallou que se recibiron 39 solicitudes para esta liña, cos que se prevé actuar sobre máis de 6 millóns de metros cadrados de superficie rexenerada, ademais de realizar un achegue de áridos superior aos 90.000 metros cadrados e sementar máis de 16,5 millóns de unidades.
Neste punto, a titular de Mar aproveitou para facer un balance histórico do alcance desta orde específica de biodiversidade desde o ano 2014 ata o 2025 no que foron aprobados 409 proxectos por un importe total de 15,6 millóns de euros. Isto permitiu actuar sobre máis de 16,6 millóns de metros cadrados, facer a sementeira de preto de 236 millóns de unidades de ameixa e achegar áridos nunha superficie de 531.321 metros cadrados.
Por outra banda, a segunda orde de axudas lanzada en xaneiro, dotada con 300.000 euros nunha única anualidade, destínase a proxectos de rexeneración para mellorar a produtividade naqueles bancos con problemas de perda de produción. Para esta convocatoria recibíronse 22 solicitudes, coas que se prevé rexenerar máis de 370.000 metros cadrados e sementar máis de 15 millóns de unidades. Neste caso, o balance da liña entre 2020 e 2025 reflicte un investimento de preto de 1,4 millóns de euros, con 124 proxectos aprobados que beneficiaron a un bo número de confrarías, actuando sobre 665.000 metros cadrados e sementando máis de 48,7 millóns de unidades.
Plan de choque
Marta Villaverde contextualizou as medidas de apoio dentro da estratexia integral e urxente deseñada pola Consellería para facer fronte á elevada mortaldade de bivalvos provocada polos excepcionais temporais de principios de ano. Así, lembrou que o Consello da Xunta vén de aprobar un plan de choque de 22,7 millóns de euros para a recuperación e rexeneración dos bancos marisqueiros.
No eixo central están os 19,2 millóns de euros reservados para a sinatura de convenios bilaterais coas confrarías e entidades xestoras. Serán as propias entidades quen deseñen os seus proxectos específicos de rexeneración, unha fórmula de cogobernanza que posibilitará remunerar ás mariscadoras pola realización destes traballos con carácter retroactivo desde o momento no que se decretou a suspensión da actividade extractiva.
A conselleira remarcou que todas as actuacións combinan medidas ambientais, económicas e sociais, abarcando desde a repoboación e a posta en funcionamento do novo hatchery do Vicedo o vindeiro mes de abril, ata un escudo de protección normativa que inclúe a solicitude de exención das cotas da Seguridade Social para as profesionais afectadas e a prórroga dos plans de xestión marisqueira ata o ano 2029.