Nova
A Xunta confirma o seu apoio á edición deste ano da Festa da Xouba de Rianxo
A conselleira do Mar destacou a importancia de poñer en valor produtos locais como este, que é un dos máis importantes para a frota local e que constitúe un exemplo de pesca sostible e responsable.
Santiago de Compostela, 25 de marzo do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse hoxe co alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, e confirmou o apoio do Goberno galego, unha vez máis, da edición deste ano da Festa da Xouba, que terá lugar a finais de xullo.
Durante o encontro, destacaron a importancia de manter a estreita colaboración institucional que se vén desenvolvendo durante os últimos anos para impulsar, organizar e consolidar eventos gastronómicos coma este, que pon en valor os produtos locais relacionados co mar.
Villaverde reiterou o compromiso da Consellería coa promoción dos produtos marítimo-pesqueiros de calidade de Galicia. Neste sentido, sinalou que citas de exaltación como a de Rianxo son un escaparate fundamental e necesario para achegar á cidadanía o traballo e o esforzo diario dos profesionais do mar galego.
Ademais, a responsable autonómica aproveitou para pór en valor as características únicas da xouba de Rianxo e a importancia do seu gran sinal de identidade: o selo de calidade Xouba de Rianxo, Pesca Artesanal, Arte do Xeito. Tal e como se subliñou no encontro, este recurso, capturado mediante artes tradicionais e respectuosas co medio mariño, é hoxe un referente de sustentabilidade grazas ao traballo de toda a cadea de valor do sector.
Cesión de parcela para beneficio da veciñanza
Na xuntanza tamén se abordaron outros temas de interese para esta localidade costeira, como a cesión da parcela contigua ao auditorio municipal que a Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, realizará ao concello rianxeiro. Trátase dunha parcela de máis de 6.000 metros cadrados que, a día de hoxe, non rexistra actividade portuaria e foi solicitada polo Concello. Portos de Galicia facilitará este uso en aras do beneficio veciñal, concretamente como aparcadoiro público, sen prexuízo de poder recuperala para o uso portuario no momento en que se presente unha proposta de actuación neste espazo.