Nova
Belén do Campo analiza coa xerente do GALP Ría de Arousa, Rosa Carballo, o balance das axudas e a evolución dos proxectos desta entidade
O ámbito territorial deste GALP Costa Sostible abrangue os concellos da provincia da Coruña de Boiro, A Pobra, Rianxo, Ribeira e da provincia de Pontevedra de Cambados, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa
Na convocatoria de 2025 esta entidade aprobou proxectos cun importe de axudas concedidas de máis de 734.000 euros e cun volume total de investimento que supera os 760.000 euros
A Coruña, 26 de marzo de 2026
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería do Mar, María José Cancelo, mantivo un encontro de traballo coa xerente do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Arousa, Rosa Carballo, co obxectivo de avaliar a situación actual da entidade e facer seguimento das distintas liñas de apoio impulsadas nos últimos anos para o desenvolvemento do sector.
O GALP Ría de Arousa abrangue os concellos coruñeses de Boiro, A Pobra, Rianxo, Ribeira e de Pontevedra de Cambados, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa e conta cunha ampla base social composta por 47 entidades. Delas, o 36,2% pertencen ao ámbito pesqueiro, mentres que o sector social representa o 38,3%. Pola súa banda, o sector público está integrado por oito entidades e o económico por catro.
No conxunto, as entidades socias reúnen a 26.869 persoas. No caso do sector pesqueiro, este agrupa a 5.332 persoas, cifra que representa o 82,3% das persoas afiliadas ao réxime do mar neste territorio.
Durante a reunión, tamén se fixo balance da convocatoria de axudas correspondente ao ano 2025, destinada a proxectos vinculados ao desenvolvemento local e ao impulso do sector pesqueiro, cofinanciada pola Consellería do Mar e polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Ao abeiro desta liña, apoiáronse 9 iniciativas, das cales 8 corresponden a concellos da provincia da Coruña, concretamente a Rianxo, Ribeira, Pobra e Boiro, cunha achega total superior aos 838.000 euros, o que permitiu mobilizar un investimento global de máis de 1,7 millóns de euros. A maioría destas iniciativas foron presentadas por confrarías como a de Rianxo, polo Consello Regulador do Mexillón de Galicia, empresas ou entidades como Ambar ou AGADEA.
No transcurso do encontro, Belén do Campo informou de que a Xunta, a través da Consellería do Mar, vén de pechar o prazo de solicitude da nova convocatoria de axudas dirixidas a proxectos enmarcados nas Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) dos GALP, dotada cun orzamento global de 6,9 millóns de euros.
Estas achegas, de carácter plurianual e tamén cofinanciadas polo FEMPA, están destinadas aos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro que participen de forma individual ou en colaboración, e permitirán seguir impulsando iniciativas no territorio. A través deste GALP presentáronse 13 propostas para esta nova edición para executar nos concellos de Rianxo, A Pobra, Ribeira, Boiro, Ría de Arousa e Mancomunidade de municipios Ría de Arousa Norte.
Trátase da cuarta convocatoria deste programa, que ten como finalidade avanzar cara a unha economía azul sostible nas zonas costeiras, promovendo o desenvolvemento das comunidades pesqueiras e acuícolas, a mellora das condicións laborais, a creación de emprego e o impulso da innovación. Ademais, estas axudas contribúen á posta en valor do patrimonio cultural e ambiental vinculado ao mar.
A delegada destacou a relevancia destas iniciativas para reforzar o tecido socioeconómico do litoral galego e reiterou o compromiso da Xunta co sector pesqueiro e co desenvolvemento sostible das zonas costeiras.