Nova
Rueda destaca o reforzo do Servizo de Gardacostas coa adquisición de 12 novos vehículos para blindar a seguridade no litoral galego
Salienta que estas pickups, que contaron cun investimento de 645.000 €, veñen complementar a próxima renovación total da flota do servizo con dúas novas patrulleiras e dous camións con grúa
Pon en valor a singularidade de Galicia como “a única comunidade cun servizo propio” que opera as 24 horas e que salvou máis de 2.000 vidas desde os seus inicios
Apunta a que “oxalá non fose necesaria esa labor de asistencia e de vixilancia, pero todos sabemos que si para respectar o traballo dos profesionais que cumpren coas normas fronte ao furtivismo e fronte as actuacións que esquilman os nosos recursos”
Lembra que o Consello da Xunta desta semana aprobou destinar “máis de 20 millóns de euros para traballar, en colaboración coas confrarías, na rexeneración de todo o que se danou cos temporais destes meses”
Porto do Son (A Coruña), 27 de marzo de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe á entrega de 12 novas furgonetas pickups destinadas ao Servizo de Gardacostas de Galicia, unha actuación que cualificou como “fundamental” para reforzar a base loxística en terra do servizo.
Durante o acto, no que estivo acompañado da conselleira do Mar, Marta Villaverde, explicou que estas novas unidades, que supuxeron un investimento de preto de 645.000 euros —cofinanciados pola Unión Europea a través do Fempa—, veñen renovar o parque móbil para que os axentes conten coas mellores ferramentas. Con esta incorporación, o servizo conta xa cun total de 87 vehículos, que se suman ás 24 embarcacións e aos dous helicópteros –con base en Celeiro e Vigo– para ofrecer unha vixilancia integral por terra, mar e aire.
Neste sentido, o titular do Goberno galego indicou que a Xunta xa ten prevista unha dotación de 3,5 millóns de euros para a fabricación de dúas novas patrulleiras lixeiras —coas que se renovará e reforzará a frota— e a compra de dous camións con grúa para optimizar o servizo de retirada e reciclaxe de residuos no litoral.
O presidente lembrou que Galicia é “a única comunidade autónoma que conta cun servizo de gardacostas propio”, operativo os 365 días do ano. Así mesmo, salientou o feito de que o seu labor vai máis alá do salvamento marítimo –rescatou a máis de 2.000 persoas desde a súa creación hai máis de tres décadas–, xa que tamén realiza tarefas de loita contra o furtivismo e a contaminación mariña.
Así, o pasado ano, o servizo realizou 10.000 inspeccións o que, tal e como afirmou Rueda, resulta fundamental para atallar a venda ilegal de produtos do mar, protexer o traballo do sector e garantir a seguridade alimentaria.
“Oxalá non fose necesaria esa labor de asistencia e de vixilancia, pero todos sabemos que si para que as cousas se fagan ben, para respectar o traballo dos profesionais que cumpren coas normas fronte ao furtivismo e fronte esas actuacións que esquilman os nosos recursos”, apuntou. Así, reafirmou o compromiso da Xunta con este servizo, xa que neste ano 2026 se destina a Gardacostas unha cifra histórica de 18,2 millóns de euros para seguir protexendo a economía, a saúde e o medio mariño galego.
No acto, Rueda agradeceu o compromiso dos máis de 140 efectivos que conforman o corpo, aos que se sumarán proximamente outros 23 tras o proceso selectivo que está actualmente en marcha. Ademais, tivo palabras de recoñecemento para o labor de vixilancia que fan tamén os gardapescas das confrarías e agrupacións de mariscadores.
Apoio e protección dun sector fundamental
O presidente do Goberno galego puxo tamén en valor “a potencia pesqueira fundamental, a nivel rexional a maior de Europa” que representa Galicia, algo que “pasa por ter barcos pescando por todo o mundo, pero tamén por ter aquí a moita xente coidando os nosos produtos para que sigan sendo unha fonte de riqueza e de identidade; esa Galicia Calidade da que sempre falamos ten nos nosos mariscos unha das súas mellores mostras”.
Así mesmo, sendo consciente do “momento complicado” que está a vivir o sector, fixo referencia as axudas aprobadas no Consello da Xunta desta semana “de máis de 20 millóns de euros —22,7 M€— para traballar, en colaboración coas confrarías, na rexeneración de todo o que se danou cos temporais destes meses”.