Nova

Marta Villaverde participa na inauguración da IV Festa do Marisco de Ferrol

1 de 3
2 de 3
3 de 3

A consellería do Mar colabora coa cita gastronómica no marco da aposta por incentivar o consumo dos produtos pesqueiros e de favorecer a súa valorización

Ferrol, 27 de marzo do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este venres na inauguración da IV Festa do Marisco de Ferrol, unha das citas de referencia no calendario gastronómico e turístico de Galicia no marco da Semana Santa.

Desde hoxe ata o día 5 de abril, a cidade naval converterase no escaparate da excelencia dos produtos do mar e do conxunto do sector marítimo-pesqueiro, contribuíndo á súa posta en valor tanto desde o punto de vista económico como pola repercusión social e territorial que supón a celebración para a contorna.

A titular de Mar, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros,  destacou a colaboración da Xunta con este tipo de eventos, dado que “son altofalantes do moito e bo que temos e dun sector esencial para o desenvolvemento das vilas costeiras, pois xera emprego e axuda a fixar poboación nas localidades do litoral galego”, afirmou.

A conselleira remarcou “a calidade diferenciada dos produtos do mar de Galicia, recoñecidos nos mercados nacionais e internacionais”, e incidiu na necesidade de seguir promovendo o seu consumo e valorización. Neste senso, subliñou o compromiso do Goberno galego co fortalecemento do sector, mediante políticas orientadas á sustentabilidade dos recursos mariños, á modernización das estruturas produtivas e á mellora da competitividade das entidades, organizacións e empresas da cadea mar-industria.

A Festa do Marisco de Ferrol constitúe un escaparate privilexiado para a promoción dos produtos frescos da ría, ao tempo que dinamiza a actividade económica e turística da comarca, ofrecendo unha programación que combina a oferta gastronómica con actividades culturais e divulgativas. 

Villaverde rematou animando á cidadanía e aos visitantes a participar nesta celebración e a degustar “os nosos produtos, que son garantía de calidade, sustentabilidade e identidade”.

Imaxes relacionadas