Nova
A Xunta reforza a protección do persoal de Gardacostas no control do furtivismo a través da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinan o acordo, dotado con 60.000 euros
O Goberno galego destaca a colaboración entre ambos os organismos na loita contra o marisqueo ilegal
Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinaron un novo acordo para reforzar a protección do persoal de Gardacostas na loita contra o furtivismo, que conta un ano máis cunha dotación de 60.000 euros. Deste xeito, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes porá á disposición da Consellería do Mar os efectivos da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) necesarios para a protección dos axentes do servizo de Gardacostas encargados do control e a vixilancia nos bancos marisqueiros, nas estradas ou nas lonxas, así como de planificar e coordinar os operativos. O convenio tamén inclúe a colaboración na adquisición de equipamento e medios técnicos.
O traballo conxunto da UPA e o servizo de Gardacostas céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos na actividade extractiva, venda, transporte e distribución do produto sen as debidas garantías sanitarias. Os operativos céntranse na investigación de delitos contra a fauna e a flora, contra a saúde pública, falsidade documental, tráfico de xénero corrompido e organización ou grupo criminal. Tamén se inclúen neste eido as actividades policiais relacionadas coa pesca marítima, como o control documental de pescadores a pé ou a flote, con botellas ou a pulmón, artes ilegais e talle, cantidade, e peso e número das capturas, entre outras actuacións.
A Xunta pon en valor o traballo do Grupo Operativo de Actividades Subacuáticas (GOAS) da UPA, formado por cinco policías e un inspector para loitar contra o furtivismo e a protección dos recursos mariños. Este grupo está a rexistrar unha elevada demanda de peticións de unidades especializadas da Policía Nacional para participar en operativos a desenvolver en ambientes acuáticos. Así, colabora de xeito habitual con outras institucións e corpos de seguridade en inspeccións, investigacións e buscas de persoas desaparecidas en medios acuáticos.
Neste marco de acción, a UPA rexistrou o pasado ano preto de 200 denuncias que deron como resultado 16 persoas investigadas ou detidas, no marco da loita contra o furtivismo, o marisqueo ilegal e a pesca marítima ilegal. O balance das actuacións desenvolvidas especialmente polo Equipo de Resposta Policial (Grupo Erpol), ademais de polos equipos de investigación das distintas sedes da UPA nas provincias costeiras e sempre en colaboración coa Consellería do Mar, tamén recolle máis de 900 inspeccións con case 300 vehículos rexistrados en 669 dispositivos.
A maiores, Galicia é a única comunidade que conta cun servizo de Gardacostas propio, que xoga un papel fundamental na vixilancia e loita contra o furtivismo. Contribúe ademais a velar polo cumprimento de vedas e paradas biolóxicas, períodos polos que está prohibido a captura e comercialización das especies afectadas, co obxectivo de garantir unha explotación sostible dos recursos mariños. Así, no 2025 foron realizadas 9.760 inspeccións que deron como resultado 2.589 actas de infracción nas que se rexistraron a incautación de máis de 31.700 aparellos de pesca e o comiso de 28.000 quilos de peixe e marisco.