Nova
Villaverde insta ao Goberno central a defender en Bruxelas que a acuicultura non forma parte do sector servizos
Advirte do forte impacto que podería ter para Galicia a modificación do Regulamento de Costas e defende que siga considerándose como unha actividade propia do sector primario
A comunidade conta con 2.500 empresas e preto de 4.500 empregos vinculados á acuicultura
Carnota (A Coruña), 31 de marzo do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, instou ao Goberno central a defender en Bruxelas que a acuicultura non forma parte do sector servizos e debe seguir considerándose unha actividade propia do sector primario, da que viven moitas familias en toda a costa galega.
Villaverde advertiu do forte impacto que podería ter a reforma do Regulamento Xeral de Costas que pretende facer o Goberno central “pola porta de atrás”. A Xunta considera que as medidas propostas xeran inseguridade xurídica e poñen en risco o emprego neste tipo de actividades, ao incluír a acuicultura dentro da Directiva de Servizos, “cando desde o Goberno galego entendemos que debería estar excluída por formar parte do sector primario”, remarcou a conselleira.
A titular de Mar alertou de que o novo regulamento “afectaría de cheo ás actividades da cadea mar-industria”, xa que permitiría a anulación de prórrogas a concesións xa outorgadas, a denegación de novas solicitudes e un réxime en xeral máis restritivo, debullándose así un escenario no que Galicia, a comunidade con máis quilómetros de costa, sería a principal prexudicada pola modificación promovida polo Goberno central.
Os datos provisionais indican que a facturación do tecido empresarial acuícola galego acadou arredor duns 235 millóns de euros en 2025. “Estamos ante un sector clave, con máis de 2.500 empresas e preto de 4.500 empregos en Galicia, que representa unha actividade estratéxica para a nosa economía”, subliñou.