Nova
A Escola Náutico-Pesqueira de Ribeira consolídase como un dos referentes na formación marítima de Galicia con máis de 100 matriculados neste curso
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, compartiu co novo equipo directivo impresións sobre os retos e oportunidades do sector
Ribeira (A Coruña), 2 de abril do 2026
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, visitou a Escola de Formación Náutico-Pesqueira de Ribeira, onde puxo en valor a importancia da formación especializada como piar fundamental para garantir a competitividade, a sustentabilidade e a remuda xeracional no sector marítimo-pesqueiro galego.
Durante o percorrido polas instalacións, a directora xeral tivo a oportunidade de coñecer, de primeira man, os programas formativos que se imparten no centro, así como os recursos técnicos e humanos dos que dispón. E é que a escola conta desde hai unhas semanas cun novo equipo directivo, polo que a directora xeral tamén aproveitou a visita para compartir coa dirección novas impresións sobre os retos e oportunidades do sector.
No encontro reafirmouse a aposta do Goberno autonómico por impulsar a capacitación profesional en ámbitos clave como a navegación, a seguridade marítima, a acuicultura e a xestión sostible dos recursos mariños. Concretamente, a Consellería do Mar destina no 2026 á formación náutico-pesqueira 12,4 millóns de euros. Así, nos centros formativos que dependen deste departamento, impártense os Ciclos Superiores de Pesca de Altura, Técnico en Acuicultura, e os Ciclos medios de Pesca de Litoral, Cultivos Acuícolas e Operacións Subacuáticas e Hiperbáricas. Contan con 474 persoas matriculadas no presente curso, das que o 12,86 % son mulleres (61). Ao final do mesmo, rematarán a súa formación 185 novos profesionais. No 2025 formáronse nestas modalidades educativas un total de 1.195 persoas.
A Escola Náutico-Pesqueira de Ribeira é un referente na formación marítima en Galicia, contribuíndo, de xeito decisivo, ao desenvolvemento económico e social da comarca e do conxunto da comunidade. Desde 2008 ata o curso actual, e dentro da formación regrada, a matrícula ascende a 1.740 persoas, 105 no curso 2025-2026.