Nova

Villaverde reitera aos patróns maiores de Pontevedra con marisqueo a pé a importancia da colaboración mutua para recuperar os seus bancos

1 de 3
2 de 3
3 de 3

A conselleira do Mar reuniuse co sector na sede da Federación provincial de confrarías en Arcade para incidir sobre os convenios directos coas entidades

Abordaron a solicitude ao ISM de exención das cotas da Seguridade Social para as profesionais, cuxa aprobación depende en exclusiva do Goberno central

Soutomaior (Pontevedra), 1 de abril do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse hoxe cos patróns maiores das confrarías que contan con marisqueo a pé na provincia de Pontevedra e reiteroulles a importancia da colaboración mutua para recuperar os seus bancos marisqueiros. Incidiu nos detalles do plan de choque da Xunta, que mobilizará un investimento de 22,7 millóns de euros para rexenerar os bancos afectados polos temporais e a mortaldade de bivalvos.

Na reunión, que tivo lugar na sede  da Federación provincial de Confrarías de Pontevedra, no porto de Arcade, a titular de Mar debullou a articulación dos convenios directos de colaboración cos pósitos aos que se destinarán 19,2 millóns de euros. A responsable autonómica, acompañada da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, explicou como se vai compensar o traballo das persoas mariscadoras que participen nas tarefas de rexeneración, facéndoo de xeito retroactivo desde a data de suspensión da actividade, con 58 euros por cada xornada de traballo realizada. Ademais, os convenios contemplan outras partidas para compensar ás propias entidades os seus labores de coordinación e control así como outros gastos autorizados pola Consellería.

Por outra banda, aclarouse que as profesionais que realicen o máximo de xornadas ao mes percibirán uns 700 euros por estes labores. A conselleira incidiu en que esta fórmula integral debe contar coa implicación do propio sector, “algo que estamos completamente seguros de que vai acontecer”, afirmou, para recuperar os bancos e garantir a viabilidade presente e futura da actividade.

Exención das cotas da Seguridade Social

Na mesma liña, a conselleira abordou a preocupación do sector polo feito de que a maioría das persoas mariscadoras deben seguir pagando as súas cotas mensuais á Seguridade Social malia a inactividade forzada. Marta Villaverde manifestou ante a Federación Provincial que a Administración autonómica xa solicitara formalmente ao Instituto Social da Mariña (ISM), dependente do Goberno central, a exención das cotas da Seguridade Social para as produtoras afectadas que carecen de ingresos.

A responsable autonómica valorou de xeito “moi positivo” que a Federación provincial de Pontevedra tamén fixese esa solicitude e animou aos demais afectados a facer o propio para que desde o Goberno central sexan sensibles á realidade do sector. Subliñou que o ISM é o organismo competente en materia de xestión, administración e protección social do sector marítimo-pesqueiro, polo que a concesión desta exención depende única e exclusivamente do Goberno central, e en ningún caso dunha negociación que dependa da Xunta.

Desde a Consellería do Mar reiterouse o apoio total á xusta demanda da federación pontevedresa e instouse ao Ministerio a asumir as súas competencias de forma inmediata para aliviar a carga económica así como a toma doutras medidas que garantan a protección social deste colectivo.

Imaxes relacionadas