Nova

A Xunta pon a disposición do sector marisqueiro da ría de Arousa 2 M€ para compensar a parada temporal nos bancos dos Lombos, Bohído e Cabío

Hoxe foi publicada no DOG a orde que regula as bases e a convocatoria destas achegas ás que se poderán acoller armadores e tripulantes afectados polo cese de actividade dos anos 2024 e 2025

Santiago de Compostela, 06 de abril do 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a orde pola que se regulan as bases e a convocatoria para o ano 2026 das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás persoas armadoras e non competitiva aos tripulantes, pola paralización temporal da actividade marisqueira desde embarcación nos bancos infralitorais de libre marisqueo dos Lombos do Ulla, O Bohído e Cabío. 

A Consellería do Mar pon así a disposición do sector 2 millóns de euros, cofinanciados nun 70 % co Fondo Europeo Marítimo, de  Pesca e de Acuicultura (Fempa), e que permitirán compensar os efectos do período de cese establecido como medida técnica de conservación destas zonas produtivas durante o 2024 e 2025.

Os potenciais beneficiarios deberán acreditar que neses anos realizaron extracción cando menos 120 días. Deste xeito, poderán presentar as súas solicitudes a través do formulario dispoñible en xunta.gal. O prazo para facelo será dun mes e comezará o martes.