Nova

Facenda e Mar asinan un convenio de 1 M€ para axilizar a xestión das axudas do FEMPA

1 de 3
2 de 3
3 de 3

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e a conselleira do Mar, Marta Villaverde, subscribiron hoxe este acordo de colaboración que se estenderá ata finais de 2028

O obxectivo é desenvolver proxectos tecnolóxicos que faciliten e axilicen a execución dos fondos europeos destinados ao sector pesqueiro

Santiago de Compostela, 6 de abril do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asinaron hoxe un acordo de colaboración para impulsar o desenvolvemento de proxectos das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) que faciliten a aplicación e execución das axudas do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA).

Este convenio, subscrito a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), conta cun orzamento total de 1.028.000 euros (cofinanciado nun 70 % polo FEMPA) e estenderá a súa vixencia ata o 30 de decembro de 2028.

O seu obxectivo principal é que a Administración autonómica conte coas ferramentas e plataformas dixitais necesarias para garantir unha xestión máis áxil, transparente e eficiente dos fondos europeos. Entre os proxectos previstos destacan o sistema de información AXUMAR para a xestión das axudas do FEMPA, así como os portais web de difusión de políticas financiadas por fondos europeos e das axudas ao desenvolvemento local participativo (GALP).

A través deste acordo de colaboración interdepartamental, o Goberno galego reafirma o seu compromiso coa modernización dos procesos administrativos. Deste xeito, búscase reducir a burocracia e asegurar que as axudas cheguen da forma máis efectiva posible ao sector marítimo-pesqueiro galego, apoiando a súa competitividade e sustentabilidade fronte aos retos de futuro.

Imaxes relacionadas