Nova

A Xunta inviste 100.000 euros na renovación do pavimento do pantalán pesqueiro e mexilloeiro de Vilanova de Arousa

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Marta Villaverde presentou as obras que Portos de Galicia ten en licitación dentro dun contrato global por importe de 640.000 euros para unha decena de peiraos

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 7 de abril de 2026

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investirá 100.000 euros na renovación integral do pavimento de madeira do pantalán profesional para embarcacións pesqueiras e mexilloeiras de Vilanova de Arousa (Pontevedra). Así o confirmou esta mañá a conselleira Marta Villaverde nunha visita á dársena para presentar a actuación.

Villaverde, que estivo acompañada polo presidente de Portos, José Antonio Álvarez, explicou que esta actuación enmárcase nun contrato global para unha decena de portos autonómicos que se atopa a día de hoxe en licitación por importe de 640.000 euros. Con este plan o ente público reforzará a resistencia das instalacións flotantes ante condicións adversas no porto vilanovés así como nos de Lorbé (Oleiros), Muxía, Muros, A Barquiña (Outes) Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Carril (Vilagarcía), O Grove e Baiona.

A conselleira trasladou que as obras previstas consisten no desmonte do pavimento de madeira de pasarelas, pantaláns, e fingers deteriorados, formado por táboas e dormentes de madeira e a posterior substitución por novo pavimento tecnolóxico de maior duración e resistencia ante condicións climatolóxicas adversas. O prazo de execución previsto para os traballos é de sete meses.

En concreto no porto de Vilanova de Arousa actuarase sobre pantalán número 6, que alberga frota mexilloeira e pesqueira. O ámbito da actuación abrangue tanto o tramo inicial de pasarela como o propio pantalán e 15 fingers, cunha superficie total de 582 metros cadrados. En todo momento facilitarase o acceso dos usuarios ás súas embarcacións, adoptando as medidas precisas.

Con esta actuación, Portos de Galicia mellorará a seguridade do tránsito nestas instalacións flotantes minimizando os riscos de esvarar ou accidente. Ademais quedarán repostas as táboas en mal estado debido ao deterioro do material polas condicións climatolóxicas severas que soportan e a acción do mar.

Imaxes relacionadas