Nova
Villaverde incide ante os patróns maiores da Coruña con marisqueo a pé na importancia do plan de acción para recuperar os seus bancos marisqueiros
A conselleira do Mar reuniuse cos representantes dos pósitos para reiterar as medidas dotada con 22,7 M€ e que ten nos convenios directos o seu principal eixo de actuación
En apoio ás reivindicacións das traballadoras reclama ao Goberno central as medidas de apoio que suxeriu para Galicia no Consello de Ministros do 10 de febreiro e, cando menos, bonifique as cotas da Seguridade Social ás persoas mariscadoras afectadas
Ames (A Coruña), 7 de abril do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, abordou de novo cos patróns maiores das confrarías con marisqueo a pé da provincia da Coruña o plan de choque posto en marcha pola Xunta para a recuperación e rexeneración dos bancos marisqueiros afectados polas intensas choivas dos meses pasados. Deste xeito, Villaverde, ao igual que fixo a semana pasada cos representantes dos pósitos de Pontevedra, volveu afondar nos detalles desta iniciativa integral que supón un esforzo económico para as arcas da Xunta de 22,7 millóns de euros.
Con esta xuntanza a conselleira deu continuidade “ao intenso contacto co sector, co fin de escoitalo e procurar solucións”. Neste marco, explicou aos asistentes que, para a rexeneración das zonas danadas, unha parte fundamental do plan baséase na sinatura de convenios directos coas confrarías, unha acción que aglutina 19,2 millóns de euros.
Estes convenios bilaterais coa Consellería do Mar, aos que xa se poderán acoller as primeiras confrarías en canto presenten a documentación requirida, permitirán que esas entidades titulares dos plans compensen economicamente ás persoas mariscadoras que participen nas tarefas de recuperación cunha remuneración de ata 700 euros para as que completen o máximo de días de traballo ao mes. Ademais, tamén se contemplan apoios para as entidades pola súa labor de organización, seguimento e control.
Villaverde fixo fincapé en que o desenvolvemento desta iniciativa require da “implicación conxunta da Administración e do sector”. Por iso, insistiu aos representantes dos pósitos coruñeses da importancia de acollerse a estas medidas, defendendo que “a colaboración das confrarías é clave para garantir a recuperación e a sustentabilidade futura da actividade marisqueira que, para o Goberno galego, é esencial”.
Sen resposta do Goberno central
A conselleira reiterou a súa decepción pola inacción do Goberno central neste asunto e lembrou que no Consello de Ministros do pasado 10 de febreiro o Executivo acordou declarar Galicia como “Zona gravemente afectada por unha emerxencia de Protección Civil”, o que ata agora se coñecía como “zona catastrófica”, e indicaba que se abriría a posibilidade de que os damnificados polas borrascas puideran recibir axudas estatais pero, ata o momento, non se activou ningún tipo de apoio ao respecto.
A responsable autonómica insistiu na necesidade de que o Instituto Social da Mariña (ISM), dependente do Goberno central e quen ten as competencias directas na materia, bonifique ás persoas mariscadoras do pagamento das cotas á Seguridade Social, unha petición que “desde a Xunta xa lle fixemos por escrito hai varias semanas pero da que aínda non recibimos resposta”, alertou Villaverde.