Nova
Gardacostas de Galicia avanza coa Marina Mercante e Sasemar nun protocolo conxunto de actuación ante emerxencias
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 8 de abril do 2026
O subdirector xeral de Gardacostas de Galicia, Juan Codesido, reuniuse no Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) con representantes da Dirección Xeral da Marina Mercante e Salvamento Marítimo (Sasemar) para seguir avanzando no desenvolvemento dun protocolo conxunto que reforce a coordinación ante posibles incidentes no ámbito mariño.
Trátase da segunda xuntanza celebrada a tres bandas con esta finalidade, e que permitiu afondar nesta colaboración mutua en aras de establecer mecanismos de cooperación máis áxiles e eficaces para dar resposta a situacións que requiren a mobilización de medios marítimos, aéreos e terrestres de ambas administracións. Con esta iniciativa ponse especial énfase na atención ao sector marítimo-pesqueiro, un dos principais beneficiarios desta mellora nos sistemas de coordinación e resposta.