Nova

Villaverde avanza co Cetga no estudo da supervivencia da ameixa xapónica e do berberecho en episodios de baixa salinidade co proxecto Biorem

1 de 2
2 de 2

A conselleira do Mar  e o director do Centro avaliaron o desenvolvemento desta pioneira iniciativa, á que a Xunta destina 700.000 €

Esta acción supón “un paso decidido” polo mantemento do marisqueo, actividade moi afectada polas recentes choivas e para a que a Xunta vén de activar un plan de recuperación, dotado con 22,7 M€

Santiago de Compostela, 8 de abril do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse este mércores co director do Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura (Cetga), Santiago Cabaleiro, co obxectivo de seguir avanzando no estudo da supervivencia da ameixa xapónica e do berberecho en episodios de baixa salinidade no marco do proxecto Biorem.

Durante o encontro, a responsable autonómica interesouse sobre a evolución desta pioneira iniciativa á que a Xunta destina preto de 700.000 euros, e que permite establecer medidas estratexias que illen e seleccionen cepas bacterianas con características probióticas asociadas ao seu cultivo, de xeito que se mellore o estado do substrato no que se desenvolven, garantindo así a supervivencia do recurso.

Segundo destacou Villaverde, “esta acción constitúe un paso decidido no compromiso da Xunta co mantemento do marisqueo, unha actividade que se viu especialmente afectada polas intensas choivas rexistradas nos últimos meses e que motivaron a posta en marcha dun plan de choque para a recuperación dos bancos, dotado con 22,7 millóns de euros”.

O proxecto, impulsado para dar resposta a un dos principais retos do sector, ten como obxectivo identificar as causas do descenso da produción e aplicar solucións biotecnolóxicas que aseguren o futuro do marisqueo, un sector que, en palabras da conselleira, “é esencial para Galicia e constitúe unha importante fonte de subministración de alimentos”.

E é que no último ano, os bivalvos en cultivo sufriron unha elevada mortaldade. O cambio climático, a contaminación, a sobrepesca e as especies invasoras, entre outros factores, están a afectar ás rías e provocan cambios nos ecosistemas mariños, facendo que algunhas especies non sexan capaces de adaptarse a ese medio tan hostil, como é o caso das especies mencionadas.

Ademais, a dispoñibilidade de semente, a súa calidade e un tamaño axeitado son outros factores limitantes para a evolución do cultivo intensivo da ameixa. Un contexto que pon de relevo a importancia de investigar e de implantar estratexias de cultivo que aumenten a supervivencia, capacitándoos para afrontar os cambios orixinados por fenómenos ambientais adversos.

Deste xeito, mediante este proxecto identificaranse as bacterias beneficiosas e as prexudiciais, analizando os cambios que se producen na súa abundancia, e asociándoos aos cambios de salinidade. O coñecemento xerado poderá ser aplicado para o desenvolvemento de estratexias de biorremediación ambiental, que incrementen a supervivencia do recurso e a mellora do estado sanitario.

Para a execución desta iniciativa, a Consellería do Mar colabora co Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura que conta, ademais, coa participación de dous grupos de investigación da Universidade da Coruña (UDC): o Grupo de investigación en Bioloxía Mariña (GIBE) do Centro de Investigación Científica Avanzada (CICA) e o Grupo Microalgae do Departamento de Microbioloxía da Facultade de Ciencias.

O Cetga agrupa ás principais empresas relacionadas do sector, situándose como referente internacional na acuicultura. As súas plantas, repartidas por toda Europa, representan o 85 % da produción europea de rodaballo e linguado.

Imaxes relacionadas