Nova
A Xunta e o sector avanzan na Mesa do Polbo na definición do plan de xestión para a campaña 2026/27
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, participou hoxe neste encontro de traballo para avaliar as achegas da frota
A reunión dálle continuidade aos contactos iniciados en febreiro co obxectivo de rematar a elaboración do plan e acordar o texto definitivo por consenso
Santiago de Compostela, 9 de abril do 2026
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, participou hoxe nunha nova reunión da Mesa do Polbo xunto aos representantes da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e das federacións provinciais. O obxectivo principal deste encontro foi seguir avanzando no deseño e na concreción do plan experimental para a xestión do polbo (Octopus vulgaris) de cara á campaña 2026/27.
Tras a primeira toma de contacto celebrada o pasado mes de febreiro, na que se sentaron as bases e se fixo un balance satisfactorio da actual campaña, a xuntanza de hoxe garante a continuidade destes contactos co obxectivo de avaliar polo miúdo as achegas presentadas polo sector. A meta principal da Consellería do Mar é rematar de elaborar o plan nesta mesa de traballo conxunto, da cal sairá o texto definitivo xa acordado por consenso entre a Administración e as entidades.
Este proceso de avaliación continua busca establecer as condicións e medidas técnicas máis axeitadas para a vindeira tempada, compatibilizando en todo momento a estrita conservación biolóxica da especie coa viabilidade económica das embarcacións que dependen desta pesqueira estratéxica para Galicia.
A convocatoria da Mesa do Polbo insírese plenamente no modelo de cogobernanza que preside a política pesqueira da Comunidade. Con estes encontros periódicos, a Xunta reafirma o seu compromiso cunha xestión responsable e participada dos recursos pesqueiros, sustentada sempre no coñecemento técnico, no diálogo permanente, no consenso co sector e na adaptación continua ás necesidades da actividade e do medio mariño.