Nova

A Xunta aborda co sector na comisión do mexillón o inicio dos traballos para elaborar o novo decreto de acuicultura mariña

1 de 2
2 de 2

A conselleira do Mar presentou a folla de ruta para a elaboración da nova normativa que procura un mellor desenvolvemento estratéxico e ordenación

O sector amosou a súa preocupación pola intención do Goberno central de modificar o Regulamento Xeral de Costas

Decidiuse prorrogar a campaña de recollida de mexilla ata o 31 de maio tendo en conta datos técnicos e científicos

Santiago de Compostela, 9 de abril do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presentou hoxe na Comisión do Mexillón o inicio dos traballos para elaborar o futuro decreto de Acuicultura Mariña de Galicia, unha normativa coa que consolidar o desenvolvemento e a ordenación dun sector estratéxico para a nosa comunidade.

A responsable autonómica, acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, detallou os obxectivos fundamentais que persegue este novo texto legal. En primeiro lugar, procura unha actualización que permita mellorar o desenvolvemento estratéxico e a ordenación dun xeito máis áxil. En segundo lugar, aposta pola modernización da xestión para garantir a competitividade e a sustentabilidade dos diferentes segmentos de produción da acuicultura mariña. Por último, o decreto regularía a mellora na transmisión de datos co fin de facilitar esa tarefa aos usuarios.

Villaverde subliñou que a redacción do decreto será un proceso aberto e participativo no que o sector tamén debe xogar un papel relevante, aproveitando a súa experiencia e as achegas que poidan aportar.

Regulamento de Costas

Na reunión, os representantes dos bateeiros tamén amosaron a súa preocupación pola intención do Goberno central de modificar o Regulamento Xeral de Costas, polo prexuizo e inseguridade xurídica que pode xerar no sector. A conselleira explicou que desde a Xunta insistiuselle  ao Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) para que defenda que a acuicultura non forma parte do sector servizos, xa que se trata dunha actividade do sector primario.

Por outra banda, tamén se abordou a situación da mexilla e, tras escoitar ao sector, a Consellería do Mar decidiu prorrogar a campaña de extracción de cría ata o 31 de maio, amparándose en datos técnicos e científicos. Tamén se falou da intención de seguir procurando fórmulas que permitan axudar aos bateeiros a non depender do recurso que se acumula nas rochas para garantir a súa produción.

Composición da Comisión

Ademais, no encontro tamén se abordou a renovación dos representantes deste órgano, que se levará a cabo aplicando os criterios de representatividade recollidos na normativa autonómica vixente, que establece a designación dos vogais en proporción ao número de bateas que agrupan as diferentes entidades e asociacións.

Na mesma liña de traballo e de reorganización, durante a reunión abordouse a designación de vogais que pasarán a formar parte da Comisión Sectorial de Acuicultura do Consello Galego de Pesca, co obxectivo de garantir a interlocución directa e a defensa dos intereses da mitilicultura neste órgano de participación e asesoramento.

Imaxes relacionadas