Nova
Villaverde promociona os produtos do mar no partido entre o Ensino Lugo e o Bàsquet Girona
Lugo, 12 de abril do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asistiu hoxe ao partido da Liga Feminina Endesa que enfrontou ao Ensino Lugo contra o Bàsquet Girona no Pazo dos Deportes de Lugo. O encontro, da máxima categoría do baloncesto feminino, forma parte da campaña de promoción 'GALICIA SABE AMAR’.
A responsable autonómica, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, puxo en valor este tipo de accións, xa que afondan na promoción e no recoñecemento dos excelentes produtos das rías galegas. Así mesmo, destacou que serven para dar visibilidade a un sector marítimo-pesqueiro que é estratéxico para o desenvolvemento socioeconómico da comunidade e tamén da propia provincia de Lugo.
Marta Villaverde felicitou ao club lucense polo seu compromiso e sinalou que este tipo de iniciativas demostran que o deporte, que se acostuma relacionar coa vida sa, tamén é “un gran escenario para profundar nas bondades que ofrecen o peixe, os mariscos e as conservas galegas para ao consumidor".