Nova

Galicia arranca con forza a promoción da súa despensa alimentaria de calidade dentro de Gourmets

1 de 1

A Xunta desprega neste salón un espazo expositivo de máis de 1.200 m² que acolle a presenza de 59 empresas do agro e do mar da nosa comunidade

Os directores da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, e da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiron este mediodía á inauguración

A Consellería do Medio Rural apoia unha trintena de expositores agroalimentarios e desenvolve un amplo programa de demostracións culinarias e catas comentadas de produtos de calidade certificada

A Consellería do Mar acompaña a 29 empresas coexpositoras do sector marítimo-pesqueiro nun innovador stand inmersivo e acollerá case unha quincena de actividades, destacando un showcooking sobre a Cociña Atlántica, Mar e Montaña

Madrid, 13 de abril de 2026

O director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiron este mediodía en Madrid á inauguración da 39ª edición do Salón Gourmets, un certame no que os produtos alimentarios da nosa comunidade teñen unha presenza moi destacada. Así, a Xunta conta cun amplo espazo institucional no que apoia a promoción de ata 59 empresas do agro e do mar de Galicia.

A Consellería do Medio Rural e o departamento de Mar teñen cadanseu posto, nos que, ademais de acoller ás empresas galegas, desenvólvense multitude de actividades, tales como demostracións culinarias, catas ou maridaxe entre os diferentes produtos de calidade da nosa terra. En total, Galicia desprega neste salón a súa despensa alimentaria cun espazo de máis de 1.200 m².

Presenza do agro galego

Deste xeito, o stand de Medio Rural ocupa 547 m² e está dividido en dúas illas dentro do pavillón 6 de Ifema. Por un lado están presentes distintas empresas de alimentación, a zona institucional e unha aula de experiencias, ademais dos túneles dos queixos e dos meles premiados nas Catas de Galicia 2025. Por outra banda están situadas as empresas de bebidas (viños con Denominación de Orixe e augardentes e licores da Indicación Xeográfica), así coma o túnel dos viños e augardentes e licores premiados nas Catas de Galicia do pasado ano.

Son, en total, 30 as empresas agroalimentarias galegas presentes no evento, todas elas acollidas a diferentes distintivos de calidade diferenciada (denominación de orixe, indicación xeográfica protexida, Artesanía Alimentaria ou produtos ecolóxicos). Na aula de experiencias desenvolverase unha completa programación diaria de actividades como demostracións de cociña e catas comentadas, nas que colaborará o persoal dos consellos reguladores de Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa, Mel de Galicia, Ternera Gallega, Vaca e Boi galegos, Castaña de Galicia, Pataca de Galicia, Pan de Cea , Ribeiro, Monterrei, Valdeorras, Rías Baixas e Ribeira Sacra.

Cóntase tamén cun programa específico para o Día da Muller na Cociña Atlántica, en coordinación coa Consellería do Mar. Terá lugar no pavillón 3 durante o mércores 15, onde por medio de relatorios, degustacións e presentacións, distintas mulleres do mar e do agro de Galicia darán a coñecer diferentes iniciativas e farán unha maridaxe dos seus produtos co fío condutor da cociña atlántica e as referencias galegas de calidade.

Despregue da cadea mar-industria

Pola súa banda, a Consellería do Mar está presente cun posto de máis de 660 m² que dá soporte a 29 empresas coexpositoras da cadea mar-industria. O espazo da Consellería estrea nesta edición un novo deseño concibido para provocar unha experiencia sensorial completa que evoca as ondas e os fondos mariños. O stand conta, por segunda vez, coa exitosa Aula de Catas Inmersiva, onde se celebrarán sesións temáticas ao redor dos produtos e selos de calidade do mar de Galicia nun ambiente envolvente con proxeccións e técnicas de mapping.

Dese espazo inmersivo sairán para degustación dos asistentes, a través da campaña Galicia Sabe AMAR", preparacións como bocadillos con conservas, bonito do norte, polbo, ou showcookings, todas elas harmonizadas con viños das cinco Denominacións de Orixe galegas. O obxectivo é poñer en valor a excelencia da despensa do mar e a pesca artesanal de Galicia no maior escaparate da alimentación gourmet a nivel internacional.

Imaxes relacionadas