Nova
Mar destaca no Parlamento o plan de 22,7 M€ para recuperar os bancos marisqueiros fronte ao abandono do Goberno central
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro subliña que o Executivo galego actuou desde o primeiro momento con rigor científico e activou un paquete de medidas que inclúe 19,2 M€ para convenios directos coas confrarías
Lamenta a pasividade do Estado, que non destinou un só euro ao sector a pesar da declaración de zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil
Santiago de Compostela, 14 de abril do 2026
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, destacou hoxe, na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia, a rápida e contundente actuación da Consellería do Mar ante a situación causada polos temporais persistentes de comezos de ano e que presenta unha afectación distinta dependendo das zonas do litoral galego.
Así o manifestou a representante autonómica en resposta a unha pregunta parlamentaria sobre a mortaldade masiva de bivalvos na ría de Arousa e a necesidade de medidas urxentes, na que lembrou que este episodio foi provocado pola extraordinaria sucesión de oito borrascas continuadas durante o pasado inverno, o que causou un descenso crítico da salinidade e unha alta mortaldade nos moluscos.
A directora xeral subliñou que o Goberno galego "non precisou ser instado nin interpelado para actuar". "Actuamos antes, con datos rigorosos, con ciencia e con recursos concretos", aseverou. Tamén destacou que o Consello da Xunta aprobou xa o pasado 23 de marzo un Plan de Recuperación dotado con 22,7 millóns de euros para apoiar o sector marisqueiro.
Un plan que se articula en tres grandes eixes: 19,2 millóns de euros destinados á sinatura de convenios de colaboración coas confrarías de pescadores neste 2026, 1,5 millóns para o reforzo poboacional achegando semente de bivalvos e 2 millóns para proxectos de conservación e restauración da biodiversidade.
Por outra banda, Ángeles V. Suárez puxo en valor a base técnica e científica da actuación da Consellería do Mar, da man do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) e do Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA). Un traballo complementado cunha valoración do estado dos plans de explotación mediante a toma de mostras ao longo do mes de marzo e “cunha metodoloxía científica rigorosa e criterios obxectivos que non admiten discrecionalidade".
A directora xeral defendeu a colaboración coas entidades do mar, explicando que os convenios bilaterais que se asinarán coas confrarías financiarán plans de rexeneración que serán elaborados polas propias agrupacións. "A confraría decidirá que se fará no seu banco, como organizalo, con que calendario e con que orzamento, e a Consellería validará e financiará a proposta. Falamos de coxestión real", remarcou.
Inacción do Goberno central
A representante da Consellería contrastou a proactividade da Xunta coa "pasividade sistemática, reiterada, documentada e inaceptable do Goberno central". Lembrou que, a pesar de que o Consello de Ministros declarou o territorio galego como zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil xa desde o 10 de febreiro, o Estado destinou "cero euros" ao marisqueo galego para paliar esta crise.
Así mesmo, lamentou a falta de resposta do Instituto Social da Mariña (ISM) á carta formal enviada pola Consellería, o pasado 13 de marzo, na que se solicitaba que as persoas mariscadoras afectadas pola suspensión da actividade non tivesen que abonar as cotas da Seguridade Social.
"Estamos ante a ausencia de vontade política do Goberno central cara á Galicia mariñeira", concluíu a directora xeral, instando aos partidos da oposición a que esixan tamén eles ao Executivo en Madrid que cumpra coas mariscadoras galegas da mesma forma que lle están a esixir á Administración autonómica.