Nova

Villaverde destaca o papel diferenciador da acuicultura no desenvolvemento socioeconómico de Galicia

1 de 2
2 de 2

A conselleira do Mar participou na inauguración da primeira reunión anual do proxecto Occam, centrado nos posibles efectos do cambio climático neste sector

A comunidade conta con máis de 2.500 empresas vinculadas a esta actividade, que dan emprego directo a unhas 4.500 persoas

Vigo, 14 de abril do 2026

Vigo convértese estes días no punto de encontro de representantes do ámbito científico, centros de investigación, administracións públicas e do sector produtivo da acuicultura europea coa celebración da primeira reunión anual do Proxecto Occam, unha iniciativa estratéxica centrada na adaptación e mitigación dos posibles efectos do cambio climático no sector e co que colabora a Consellería do Mar, a través do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), formando parte do grupo de consulta sectorial.

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou na inauguración do evento e puxo en valor “o papel fundamental que desempeña a acuicultura en Galicia”, tanto no plano socioeconómico como no seu potencial de desenvolvemento futuro.

Na actualidade, a comunidade conta con máis de 2.500 empresas acuícolas, arredor de 4.500 traballadores directos e unha produción anual próxima ás 200.000 toneladas, que xera un valor estimado de preto de 250 millóns de euros. Neste contexto, Villaverde destacou “o orgullo compartido” entre a Administración galega e o propio sector pola contribución decisiva dos centros de investigación e dos equipos científicos, recoñecidos como referentes a nivel internacional.

A celebración desta primeira reunión anual do Proxecto Occam en Galicia supón, ademais, un recoñecemento ao compromiso da comunidade co desenvolvemento sostible e coa investigación aplicada ao medio mariño, definindo así un contexto que evidencia a importancia de fortalecer a colaboración entre o ámbito científico e o sector produtivo.

Villaverde defendeu un modelo no que a investigación “non se conciba como unha realidade illada, senón como un motor esencial para o progreso económico e social”. Na mesma liña, afirmou que “os centros investigadores e os profesionais científicos están chamados a liderar e orientar o desenvolvemento do sector, achegando coñecemento rigoroso e solucións prácticas”.

Esta iniciativa responde precisamente a dita filosofía, apostando por trasladar os resultados da investigación ao tecido produtivo para favorecer un desenvolvemento sostible, planificado e adaptado aos retos actuais e futuros. Entre estes retos destacan os posibles efectos do cambio climático sobre os ecosistemas acuáticos, como o aumento da temperatura da auga, a acidificación dos océanos, os fenómenos meteorolóxicos extremos ou a alteración dos patróns de precipitación.

Cooperación interrexional

Ademais de empresas e centros de investigación de Galicia, no consorcio tamén hai presenza de Noruega, Suecia, Islandia, as Illas Feroe, as Illas Hébridas, ou Polonia. Esta cooperación entre rexións europeas e entre os distintos axentes implicados —investigadores, produtores e responsables públicos— foi cualificada por Villaverde como “un elemento clave para afrontar con éxito estes desafíos”.

Agárdase que os resultados do proxecto poidan beneficiar especialmente ás pequenas e medianas empresas acuicultoras, facilitándolles o acceso a ferramentas e coñecementos científicos que lles permitan adaptarse a un contexto cada vez máis esixente.

Imaxes relacionadas