Nova

A Xunta destaca o impacto da dixitalización no impulso da competitividade do sector pesqueiro

1 de 2
2 de 2

A Plataforma Tecnolóxica de Pesca e as aplicacións asociadas consolidan esta modernización, que afonda na eficiencia, sustentabilidade e trazabilidade da actividade vinculada ao mar

Máis de 8.000 usuarios empregan Trazamar, a ferramenta que mellora a xestión e o control dos produtos pesqueiros e que conta con máis de 46.000 accesos

Rosón salienta un plan de 25 M€ a curto prazo para mitigar o impacto da incerteza xeopolítica e o aumento dos custos enerxéticos

Santiago de Compostela, 14 de abril do 2026

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, detallou no Parlamento o impacto positivo da dixitalización no desenvolvemento do sector pesqueiro en termos de eficiencia económica e de sostibilidade ambiental. Como exemplo, citou a Plataforma Tecnolóxica da Pesca (PTP), un proxecto estratéxico que se configura como núcleo dos sistemas de información do sector en Galicia e que foi desenvolvido conxuntamente pola Consellería do Mar e a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). 

Este sistema, segundo avanzou Rosón, ten como principal obxectivo facilitar ferramentas de xestión e recollida de información, mellorando a trazabilidade dos produtos pesqueiros e garantindo o cumprimento das esixencias normativas. Este ecosistema dixital, a través da aplicación Trazamar, pon a disposición do sector produtivo e comercializador información clave, estatísticas e servizos que contribúen a unha xestión máis eficiente e sustentable dos recursos mariños. 

Empregada por confrarías, lonxas, centros de primeira venda, asociacións sectoriais e persoal da Administración, Trazamar conta con máis de 8.000 usuarios rexistrados e máis de 46.000 accesos. Só no que vai do 2026, xa foi utilizada por preto de 1.000 perfís distintos. Permite a xestión integral da documentación vinculada á actividade pesqueira e acuícola, incluíndo documentos de transporte, rexistro, orixe ou rastrexabilidade, garantindo o control e seguimento dos produtos desde a súa captura ata a comercialización.

A dixitalización tamén chega ao ámbito móbil coa aplicación Movtic, que permite aos profesionais do sector xestionar documentos telemáticos directamente desde os seus dispositivos. Ademais, ofrece información en tempo real sobre mareas e condicións meteorolóxicas, integrando datos de MeteoGalicia, e facilita o acceso á información relevante segundo o perfil do usuario.

No ámbito da comercialización, o programa Primare Lonxas está a impulsar unha transformación integral das rulas galegas mediante solucións na nube que modernizan os procesos de poxa, xestión e emisión de notas de venda. Asemade, os sistemas Siscom melloraron a eficiencia na comercialización ao tempo que incrementaron a calidade da información e facilítase a trazabilidade dos produtos, abrindo novos canais de comunicación entre compradores e provedores.

O impulso á dixitalización complétase cunha aposta pola formación, a través de iniciativas como a plataforma de teleformación da Consellería do Mar ou o portal Xesten que facilita o acceso a cursos e información académica do alumnado do sector. Ademais, a rede de oficinas Es.Mar, posta en marcha no 2025 cun investimento de 1,8 millóns de euros, ofrece asesoramento personalizado para facilitar o acceso a fondos europeos e promover proxectos de innovación, sustentabilidade e economía azul.

Medidas pola guerra de Oriente Medio

En resposta á pregunta oral sobre a acción da Xunta para paliar os efectos da guerra en Oriente Medio, Rosón destacou que o sector marítimo-pesqueiro galego afronta un contexto de elevada incerteza derivado da situación xeopolítica internacional e do incremento dos custos enerxéticos, especialmente do combustible, que ten un impacto directo na rendibilidade das operacións pesqueiras, onde pode representar entre o 30 % e o 60 % dos custos operativos.

Diante este contexto, o director xeral subliñou “o compromiso continuado co sector do mar”, tanto na defensa dos seus intereses ante outras Administracións como mediante programas de apoio orientados á súa sustentabilidade e competitividade. Neste senso, citou como principais liñas de axuda o plan de acción a curto prazo dotado con aproximadamente 25 millóns de euros e estruturado en catro eixos principais: promoción e comercialización (6,5 M€), modernización (1,7 M€), eficiencia enerxética (6,5 M€) e infraestruturas portuarias (11 M€). 

Este plan enmárcase nas posibilidades de financiamento establecidas polo Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA), e que, nas convocatorias anteriores, tivo os seguintes resultados: 48 M€ para pemes do sector; 64 M€ para investimentos en acuicultura, que permitiron mobilizar arredor de 157 M€; 14,8 M€ para a modernización da frota pesqueira e 7,8 M€ para organizacións de produtores pesqueiros (OPP).

Imaxes relacionadas