Nova
Portos de Galicia e a Axencia Tributaria colaborarán para o funcionamento das bases de vixilancia aduaneira de Muros e Cee
A Coruña, 15 de abril de 2026
O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, mantivo esta mañá unha reunión co delegado especial da Axencia Tributaria (AEAT) en Galicia, Miguel Cárcaba, para abordar a solicitude da administración estatal relativa ao funcionamento de bases de vixilancia aduaneira nos portos de Muros e Brens-Cee.
No encontro, celebrado na sede do ente público na Coruña, o delegado especial da Axencia Tributaria ratificou a vontade deste organismo de manter a actividade na base que actualmente utiliza o Servizo de vixilancia aduaneira no porto de Muros. Así mesmo crearase unha nova no porto de Brens co obxectivo de reforzar os medios materiais do servizo en Galicia.
Pola súa parte, o presidente de Portos afirmou que o ente público tramitará os permisos necesarios para facilitar a continuidade da base activa en Muros e a creación da de Brens para novas embarcacións. A nova base de Brens, incluirá tamén un novo pantalán para embarcacións que darán servizo tanto en alta mar como nas rías.