Nova

Rueda destaca a excelencia e calidade da gastronomía galega que reforza a súa presenza no Salón Gourmets de Madrid

1 de 7
2 de 7
3 de 7
4 de 7
5 de 7
6 de 7
7 de 7

Asegura que os produtos da terra e o mar galegos “representan a Galicia Calidade que queremos exportar a todo o mundo”

Salienta “as materias primas fantásticas” que se producen e transforman na comunidade “xerando valor e milleiros de posto de traballo”

Galicia sitúase entre as autonomías con máis produtos alimentarios con certificación de calidade

Esta feira internacional recoñece a 10 queixos galegos entre os mellores deste ano

Madrid, 15 de abril de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a excelencia e calidade da gastronomía galega e fixo fincapé na gran oportunidade que supón o 39º Salón Gourmets de Madrid para que os produtos alimentarios galegos cheguen a novos consumidores e mercados. “É un escaparate fantástico. Galicia ten que estar cunha presenza moi potente, coa potencia que teñen os nosos produtos da terra e do mar”, indicou.

Durante unha visita aos stands de Galicia na feira, acompañado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, Rueda lembrou que o sector alimentario é clave para a economía galega e sitúa á comunidade como referente a nivel internacional. “Cada vez ten máis aceptación e recoñecemento o que facemos en Galicia e como o facemos. Temos unhas materias primas fantásticas que xa se transforman en Galicia, deixan valor na comunidade e xeran milleiros de postos de traballo”, indicou.

Galicia é a principal potencia pesqueira de Europa, seis de cada dez produtos do mar que se transforman en España proceden da comunidade e está entre as autonomías con máis produtos alimentarios con certificación de calidade ao contar con preto de 40 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, así como produtores baixo os selos de Artesanía Alimentaria e Agricultura Ecolóxica.

Ademais, a gastronomía é un dos principais atractivos turísticos de Galicia, conforma a identidade do territorio e, segundo resaltou Rueda, é un dos mellores exemplos do que significa Galicia Calidade. Os nosos produtos “representan esa Galicia Calidade que queremos exportar desde Galicia a todo o mundo”.

Representación de 60 empresas galegas

Por último, Rueda fixo fincapé en que o Salón Gourmets -a principal feira de alimentación de Europa- supón un escaparate único para dar a coñecer todo o que ofrece a rica despensa galega. Nesta liña, unhas 60 empresas galegas presentan os seus produtos -viño, queixos, conservas, castañas, polbo, mel, etc...- nesta feira e organízanse diferentes actividades como catas inmersivas, túneles de viño e queixo ou degustacións da man de importantes cociñeiros galegos.

Durante a celebración desta edición entregaranse os premios da 16ª edición da GourmetQuesos, que recoñecen aos mellores queixos de España neste 2026 e onde Galicia acadou 12 galardóns en 20 categorías, recoñecendo así 10 queixos galegos.

Imaxes relacionadas