Nova
Mar avalía o impacto positivo do apoio á Confraría de Laxe con axudas de máis de 270.000 € nos últimos anos
O pósito solicitou unha nova partida de 30.000 € para a modernización dos procesos de comercialización de marisco na propia lonxa
A directora xeral visitou un viveiro de poliquetos que recupera unha nave en desuso para xerar riqueza na Costa da Morte
Laxe (A Coruña), 16 de abril do 2026
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, visitou hoxe a Confraría de Pescadores de Laxe para avaliar o impacto das distintas liñas de axuda que a Consellería do Mar mantén activas na zona. Alí, a representante autonómica destacou que nos últimos anos a Xunta apoiou a esta entidade con axudas que suman máis de 270.000 euros, un investimento clave para o sector pesqueiro da zona.
Ángeles V. Suárez subliñou o peso social da confraría, composta actualmente por máis de 60 persoas, que constitúe un piar económico fundamental para o municipio e a comarca. A representante da Consellería incidiu na solidez da actividade no porto, cunha cifra de negocios que superou os 1,45 millóns de euros no último exercicio, o que reflicte o éxito da colaboración entre a Administración e o sector mar-industria.
Dentro deste esforzo investidor, a directora xeral detallou que unha parte esencial dos fondos provén das ordes de axudas autonómicas para proxectos colectivos de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque dirixidas a actuacións como a eficiencia enerxética, a protección do medio ambiente, da seguridade e as condicións de traballo, e da calidade e do control e rastrexabilidade dos produtos desembarcados da pesca.
Ademais, Ángeles V. Suárez avanzou que a entidade solicitou unha nova axuda de case 30.000 euros, actualmente en fase de valoración previa á súa resolución, para un proxecto dirixido a optimizar os procesos de comercialización de mariscos na lonxa, buscando incrementar o valor das capturas mediante a modernización tecnolóxica e a mellora da trazabilidade.
Economía Azul
No marco desta visita, a directora xeral coñeceu tamén os detalles dun proxecto de innovación pioneiro na zona: un viveiro experimental para o mantemento e engorde de poliquetos (vermes mariños). Esta iniciativa permitiu recuperar unha nave en desuso no propio porto de Laxe para transformala nun centro produtivo grazas aos apoios ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo e cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA).
O proxecto consiste nunha instalación en circuíto aberto dedicada á cría de cebo vivo para a pesca, un produto de alto valor engadido con gran demanda en mercados internacionais. Esta aposta pola diversificación amosa a capacidade do sector para xerar novos nichos de negocio aproveitando o coñecemento do medio mariño. A nave foi acondicionada cunha nova cuberta de panel sándwich para asegurar o illamento necesario, converténdose nun referente de emprendemento na Costa da Morte.