Nova
Villaverde defende un reparto máis xusto e optimizado das cotas como piar para a sustentabilidade da frota do cerco
Reclama unha cota fixa de atún vermello para aumentar os ingresos do sector e reducir os descartes e lamenta os importantes recortes na xarda
Destaca as boas prácticas tradicionais do sector como referente de pesca selectiva e respectuosa co medio
Sada (A Coruña), 17 de abril do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou hoxe en Sada a necesidade de situar a xestión baseada no coñecemento científico e a optimización das cotas de pesca como os eixes centrais para garantir a rendibilidade e o futuro da frota do cerco. Así o sinalou durante a inauguración da IX Xornada da Frota do Cerco, organizada pola Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga) baixo o lema “A frota que non para: xestión, ciencia e valor nun mar que cambia”.
Na súa intervención, a titular de Mar subliñou que o sector do cerco é un exemplo de adaptación e compromiso coa sustentabilidade, pero advertiu de que este esforzo debe ir acompañado dunha xestión de cotas que responda á realidade da frota. Neste senso, lamentou o recorte de preto do 48 % na cota da xarda para este ano, aínda que supoña certo alivio con respecto á proposta inicial de recortar un 70 %. A decisión obriga aos profesionais a buscar fórmulas financeiras e operativas para manter a súa actividade.
Un dos puntos clave da xornada foi a reivindicación da cota de atún vermello para o cerco galego. Marta Villaverde reiterou a demanda da Xunta ao Goberno central para que se estableza, de xeito definitivo, unha cota fixa de captura accidental para esta frota. A conselleira explicou que isto non só axudaría a aumentar os ingresos do sector senón que é unha medida imprescindible para evitar os descartes e avanzar nunha pesca máis responsable.
A representante autonómica lembrou que o atún vermello é unha especie de difícil supervivencia unha vez capturado, polo que non permitir o seu desembarque carece de sentido ambiental e económico. "Finalmente déusenos a razón e temos a confirmación de que se establecerá a cota mediante un Real Decreto, pero mentres tanto solicitamos que se estableza xa unha cantidade provisional", sinalou.
Para rematar, a conselleira incidiu en que o sector, en cooperación coa Administración e co asesoramento técnico e científico, "está en boa disposición superar os desafíos que ten por diante". Neste senso, apostou por avanzar na cogobernanza e seguir realizando unha pesca responsable e rendible, destacando que "nas propias prácticas tradicionais pesqueiras do cerco galego atopamos xa un bo referente do que é unha pesca selectiva e respectuosa co medio".