Nova

A campaña da volandeira en Cambados acada cifras récord de facturación con máis de 1,8 M€

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

O volume de capturas global rozou as 424 toneladas na tempada 25-26, con máis de 315 toneladas e 1,4 M€ exclusivamente de descargas na lonxa de Cambados

A Xunta destaca que nos últimos anos apoiou á confraría, que conta con 473 membros, con importantes investimentos para a mellora de infraestruturas, xestión artesanal e rexeneración de bancos

Cambados (Pontevedra), 17 de abril do 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, visitou hoxe a Confraría de pescadores de Cambados para analizar os resultados excepcionais da actual campaña da volandeira que acadou unha facturación superior aos 1,8 millóns de euros e un volume de descargas de case 424 toneladas. Uns números que a sitúan como a mellor da serie histórica.

Deste volume récord, o porto de Cambados asumiu a gran maioría das capturas, rexistrando descargas superiores ás 315 toneladas que xeraron máis de 1,4 millóns de euros. Ángeles V. Suárez subliñou que isto consolida Cambados como o gran referente galego na comercialización desta especie e supón un impulso vital para os 473 profesionais que integran a confraría que pechou 2025 cunha facturación de máis de 7 millóns de euros grazas á comercialización de 1.000 toneladas de produto.

Este éxito produtivo vese apoiado polo forte compromiso investidor da Consellería do Mar. A directora xeral detallou o esforzo realizado pola Administración galega para dotar ao pósito das mellores ferramentas. Neste sentido, destacou que desde o 2022 a Xunta financiou actuacións por valor de case 1 millón de euros ao abeiro da orde de axudas autonómicas a proxectos colectivos para a modernización e mellora dos equipamentos e das infraestruturas dos portos pesqueiros, dos lugares de desembarque, das lonxas e dos fondeadoiros.

A este impulso súmanse outros 590.000 euros en axudas para proxectos colectivos que contribúen a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal, garantindo así unha actividade económica, social e medioambientalmente sustentable. Ademais, Ángeles V. Suárez resaltou o esforzo do sector e da Xunta na recuperación das rías, lembrando que a Consellería destinou 256.000 euros a actuacións de rexeneración e restauración da biodiversidade. Estes fondos permitiron recuperar 67 hectáreas de superficie mariña e entregar máis de 9 millóns de unidades de especies, como a ameixa xaponesa, a fina, a babosa e o ourizo.

Eficiencia e futuro

A representante da Consellería concluíu a visita reafirmando que a Xunta seguirá traballando man con man coa confraría para consolidar estes bos resultados. O obxectivo institucional é que a innovación e o apoio financeiro sigan sendo as pancas que permitan ao sector mar-industria superar os retos actuais e xerar riqueza e emprego de calidade.

Imaxes relacionadas