Nova

A Xunta posiciona a calidade e a excelencia dos produtos do mar de Galicia na Seafood de Barcelona

Participan 50 empresas galegas que se instalarán no stand habilitado pola Administración autonómica

A acción enmárcase na estratexia de favorecer a internacionalización da cadea mar-industria 

Santiago de Compostela, 18 de abril do 2026

A Xunta reforza o seu compromiso coa promoción dos produtos do mar galegos participando na 32ª edición da feira Seafood Expo Global que se celebra en Barcelona, un dos encontros internacionais máis relevantes do sector pesqueiro e marisqueiro.

No evento participan 50 empresas galegas que se instalarán no stand habilitado polo Goberno autonómico do recinto feiral. Un espazo común que servirá como plataforma para dar visibilidade ao tecido galego, facilitando o establecemento de contactos comerciais e o fortalecemento das relacións xa existentes con compradores e distribuidores internacionais.

As firmas participantes abranguen distintos ámbitos da cadea mar-industria, desde a pesca extractiva ata a transformación e comercialización de produtos do mar, incluíndo conservas, conxelados e produtos elaborados. A súa presenza nesta feira permite amosar a diversidade e innovación do sector, así como a súa capacidade para adaptarse ás demandas dun mercado global cada vez máis esixente en termos de sustentabilidade e calidade.

Esta iniciativa enmárcase na estratexia da Xunta de impulsar a internacionalización das empresas vinculadas ao sector, mellorar a súa competitividade, promover a expansión en mercados exteriores e consolidar a comunidade como referente mundial na produción de produtos do mar de alta calidade.

Concretamente, a Consellería do Mar destina 11 millóns de euros no bienio 2026-2027 a iniciativas de promoción comercial, o que facilita a presenza do tecido empresarial galego en máis de 50 feiras nacionais e internacionais de referencia.

Novidade

A Seafood de Barcelona desenvolverase desde o 21 ao 23 de abril e reunirá a máis de 2.500 empresas procedentes de máis de 80 países, distribuídos en 52 pavillóns nacionais e rexionais. Como principal novidade nesta edición, o evento estreará un pavillón dedicado exclusivamente á innovación en acuicultura.