Nova

Villaverde destaca na previa do simulacro do Marsec a importancia da colaboración interadministrativa para garantir a seguridade marítima

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

Asistiu á arriada solemne de Bandeira no buque da Armada Española Arnomendi, que comanda o operativo no que participa o Servizo de  Gardacostas de Galicia

A conselleira do Mar visitou o buque multipropósito Sebastián de Ocampo e a patrulleira Mar de Galicia, as dúas embarcacións de Gardacostas que participaron no exercicio da Armada Española

Burela (Lugo), 17 de abril do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asistiu á arriada solemne de Bandeira realizada, ao ocaso, na cuberta do buque da Armada Española Arnomendi, presenciado polas autoridades de todos os corpos que participan no exercicio de seguridade marítima Marsec 2026.

O simulacro, dirixido pola Armada, terá lugar este sábado en Burela co concurso de diferentes medios e organismos de rescate, vixilancia e control como o Servizo de Gardacostas de Galicia. Enmárcase no seguimento das operacións de coordinación interinstitucional no ámbito da seguridade marítima que permiten mellorar a resposta conxunta ante posibles incidencias no mar.

Deste xeito, a conselleira coñeceu de primeira man os protocolos operativos activados no marco do Marsec, así como as capacidades técnicas das patrulleiras autonómicas e a súa integración con todos os dispositivos de vixilancia marítima.

A titular de Mar puxo en valor a importancia da cooperación entre administracións e corpos operativos, salientando que esta colaboración “contribúe a reforzar a seguridade ao tempo que consolida a preparación dos equipos humanos e materiais”.

Previamente, Villaverde visitou o buque multipropósito Sebastián de Ocampo e a patrulleira Mar de Galicia. As dúas embarcacións, propiedade de Gardacostas que, xunto co helicóptero Pesca 2 e outros medios do servizo, participarán no desenvolvemento do simulacro.

Villaverde quixo recoñecer ao labor do persoal embarcado e técnico implicado nas tarefas de vixilancia marítima, así como á súa contribución á defensa dos intereses do sector pesqueiro galego e á sustentabilidade dos recursos mariños.

Imaxes relacionadas